A Deputación investirá máis de 600.000 euros en Caldas de Reis para financiar o proxecto de saneamento dos lugares da Igrexa e Faramontáns, en San Clemente
O deputado provincial Ricardo Martínez visitou hoxe o concello, onde anunciou que a actuación estará financiada integramente con recursos do Plan +Provincia que se aprobarán na Xunta de Goberno deste venres
26/05/2025
O deputado provincial Ricardo Martínez visitou este luns Caldas de Reis, onde anunciou que a Deputación se encargará de financiar integramente o proxecto de saneamento nos lugares da Igrexa e Faramontáns, na parroquia de San Clemente. A Xunta de Goberno aprobará este venres unha achega de 641.000 euros para impulsar esta actuación con recursos procedentes do Plan +Provincia. Nesta actualidade, o plan destina á vila un total de 793.000 € e, no caso concreto da liña 1 de investimentos, 555.000 euros que poden ser ampliados co traspaso de crédito das outras tres liñas como acontece con esta actuación.
O deputado deu conta dos traballos que levará a cabo Caldas de Reis con estes fondos provinciais, 640.588,37 € que permitirán mellorar as infraestruturas sanitarias destes núcleos conectándoos á rede municipal de saneamento situada en Baltar. Para iso, instalarase unha nova EDAR en Baltar e ampliarase a rede de colectores de saneamento coa construción de tramos de colector xeral, así como ramais para Faramontáns. Ademais, instalarase unha estación de bombeo para impulsar as augas residuais de Faramontáns á rede de Baltar, xa que pola orografía da zona non poden fluír por gravidade.
As obras inclúen tamén a ampliación da rede para A Igrexa, que ten parte dos colectores instalados pero non en funcionamento pola falta de tratamento das augas. Tamén se instalará unha estación de bombeo que elevará o efluente da zona norte cara á rede de Faramontáns para integrar a infraestrutura de saneamento dos dous núcleos nun sistema común que aproveitará as redes da existentes e optimizará os recursos. Por último, renovarase e ampliarase a EDAR de Baltar xa existente para poder asumir os novos caudais, actuando sobre os equipos e os sistemas de depuración.
Ricardo Martínez puxo en valor que o Plan +Provincia "é o exemplo de que gobernar coa filosofía do municipalismo funciona", xa que permite "escoitar os concellos para que escollan con liberdade a que queren destinar os recursos que poñemos á súa disposición, respectando a súa autonomía". O deputado provincial incidiu en que con esta iniciativa a Deputación de Pontevedra ten como obxectivo "transformar e modernizar esta provincia, mellorar a calidade de vida da cidadanía e impulsar o avance do noso territorio".
