A Deputación destina preto de 27.500 euros ao Concello de Cambados para a redacción do proxecto de reforma e actualización do mercado municipal
Trátanse de recursos do Plan +Provincia que este ano destina ao concello preto de 1,9 millóns de euros, ao sumar 1,1 millóns do 2026 e o adianto de preto de 800.000 euros da liña de investimentos do 2027
14/09/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha achega por valor de preto de 27.500 euros para que o Concello de Cambados faga fronte á redacción do proxecto de reforma e actualización do mercado municipal para incorporalo á rede de mercados. Trátanse de recursos do Plan +Provincia que este ano destina ao concello preto de 1,9 millóns de euros, ao sumar 1,1 millóns do 2026 e o adianto de preto de 800.000 da liña de investimentos do 2027.
O edificio do mercado municipal de Cambados precisa dunha reforma e actualización de fondo calado. Elementos como a cuberta, as instalacións, a estética e os espazos interiores, así como o mobiliario e as carpinterías deben ser parte do proxecto construtivo que se pretende elaborar. Deste xeito, cos recursos provinciais, o concello poderá facer fronte á redacción do proxecto de renovación do mercado municipal para modernizalo e convertelo nun espazo innovador.
O obxectivo deste proxecto é reformar, actualizar e adaptar o espazo a novos usos, a unha maior diversificación da oferta de produtos e á ampliación dos servizos. Deste xeito, terá en conta un novo programa de necesidades, incluíndo espazos expositivos e con capacidade para eventos culturais, aseos para prestar servizo a un área ampla, servizos de hostalería, un espazo para gozar das vistas e do lugar privilexiado no que se atopa o mercado, outro para o consumo de produtos que se venden no mercado e outros espazos de estancia, descanso e acceso a Internet.