Luis López anuncia a aprobación do proxecto das obras que transformará a EP-9208 Noalla-Aios con preto de 1,2 millóns de euros
O proxecto será financiado ao 80% pola Deputación e contempla a creación dun itinerario peonil de preto dun quilómetro de lonxitude, ademais da renovación da calzada e das redes de servizos
29/08/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres a aprobación da Xunta de Goberno provincial do proxecto que permitirá transformar a EP-9208 Noalla-Aios, en Sanxenxo, cun investimento de preto de 1,2 millóns de euros. López lembrou que a Deputación se fará cargo do 80% do orzamento (950.000 €), que se completa coa achega do Concello (o 20% restante, 240.000 €), dunha reforma que para o Concello de Sanxenxo "é un obxectivo prioritario co que dar continuidade aos traballos de mobilidade peonil entre Noalla e a Praia da Lanzada".
O presidente provincial lembrou que o orzamento xa se comprometeu a finais do ano pasado coa aprobación do convenio entre a Deputación e o Concello, e deu conta dos principais aspectos que forman parte do proxecto das obras. Neles destaca a creación dun itinerario peonil de 960 metros de lonxitude cunha senda peonil de 2,5 metros situado na marxe dereita, que solucionará as situacións de risco e inseguridade nun tramo de importante afluencia peonil dada a localización do cemiterio de Noalla, a igrexa de Santo Estevo e a propia conexión co itinerario peonil da EP-9212.
Ademais, as obras inclúen a redistribución dos espazos existentes na plataforma, que repercutirán especialmente na relocalización, renovación e mellora das paradas de autobús que se atopan no ámbito de actuación. Rehabilitarase o firme da estrada con mestura bituminosa en quente, acondicionaranse as frontes das parcelas da marxe esquerda, dotarase de pasos peonís elevados e redutores de velocidade e melloraranse os dispositivos hidráulicos da marxe esquerda (de cunetas profundas a cunetas remontables). Por último, procederase á renovación da rede de drenaxe e do alumeado público, á colocación de mobiliario urbano e ao soterramento da rede eléctrica e de telecomunicacións.
450.000 € do Plan +Provincia para a humanización do núcleo rural do Padriñán
A Xunta de Goberno deste venres tamén deu luz verde a un investimento de 450.000 € con cargo á liña 1 do Plan +Provincia cos que o Concello de Sanxenxo fará fronte á humanización do núcleo rural do Padriñán. A obra repercutirá na mellora e peonalización dos vieiros e na mellora e actualización dos servizos de abastecemento, saneamento, electricidade e iluminación de sete vías e camiños deste núcleo.
Luis López lembrou que "somos a institución do municipalismo e para nós o máis importante son os desexos dos concellos", razón pola cal a Deputación "desenvolve actuacións tan importantes como a desta estrada, que repercuten na mellora da seguridade da circulación en vías tan empregadas", e tamén "tratando os concellos como o que son: entidades con decisións, proxectos e prioridades". En canto ao Plan +Provincia, o presidente da Deputación sinalou que "xa levamos entregados preto de 43 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes".
