A Deputación destinará preto de 150.000 euros a Redondela para financiar integramente as obras de remate do paso superior e de contención de terras nun tramo da liña de ADIF nos Valos
O deputado provincial Alejandro Lorenzo visitou o concello, onde anunciou que a actuación estará financiada ao 100% con recursos provinciais
24/09/2025
O deputado provincial Alejandro Lorenzo visitou Redondela, onde anunciou que a Deputación de Pontevedra se encargará de financiar integramente con preto de 150.000 euros as obras para o remate do paso superior e para a contención de terras no punto quilométrico 161+500 da liña 810 de ADIF nos Valos. Redondela recibe este ano un total de máis de 1,2 millóns de euros no marco do Plan +Provincia do organismo provincial.
O deputado deu conta dos traballos que Redondela levará a cabo con estes fondos da Deputación e que permitirán construír un muro de contención en cachotería de pedra neste tramo da liña 810 de ADIF, partindo da aleta dereita e conseguindo, así, un sostemento para a ladeira norte que evite futuros desprendementos. Ademais, tamén se vai instalar un taboleiro mediante un parapeto de formigón que protexa das caídas de vehículos e peóns sobre a vía e construirase unha beirarrúa na marxe dereita para aumentar a seguridade do tránsito peonil que cruza a ponte. A actuación completarase con varias capas de asfalto.
Alejandro Lorenzo puxo en valor que cos recursos provinciais "estamos dando resposta ás demandas dos concellos, que poden facer realidade proxectos que melloran a calidade de vida da súa veciñanza". Neste sentido, o deputado sinalou que a Deputación "está a impulsar actuacións tan relevantes como a que hoxe anunciamos en Redondela, que non só melloran a seguridade viaria da vila, senón que a modernizan e impulsan o avance de toda a nosa provincia".
