A Deputación visita a Asociación Autismo Bata e enxalza a utilidade das axudas do programa Provincia +Inclusiva, que este ano achega 210.000 para o fomento da accesibilidade
Esta liña de axudas da Deputación de Pontevedra ten aberto prazo de solicitude ata o 11 de maio e ten por obxectivos mellorar a accesibilidade desde unha perspectiva integral
27/04/2026
O deputado provincial Javier Tourís visitou hoxe as instalacións da Asociación Autismo Bata, en Vilagarcía de Arousa, onde puxo en valor a utilidade das axudas do programa Provincia +Inclusiva, que neste 2026 vai repartir 210.000 € entre entidades para fomentar a accesibilidade universal. Esta liña de axudas do organismo provincial está dirixida entidades sen ánimo de lucro para a mellora da accesibilidade desde unha perspectiva integral e a promoción da participación activa de todas as persoas en condicións de igualdade e autonomía.
O deputado provincial aproveitou a visita para facerlles entrega da placa que distingue á Asociación como beneficiaria da última edición de Provincia +Inclusiva. No marco desta liña de axudas, a entidade recibiu 10.000 € para financiar a primeira fase da reforma dun inmoble co obxectivo de crear unha vivenda tutelada e adaptada para persoas con autismo ou discapacidade intelectual. Bata xa recibira no 2024 outros 8.350 € ao abeiro da primeira edición deste plan da Deputación.
Os recursos da liña de axudas Provincia +Inclusiva, que medraron case un 17% que con respecto ao 2024, están dirixidos ás entidades sen fins de lucro da provincia para subvencionar desde obras de mellora da accesibilidade nas súas instalacións, ata os de redacción de proxectos técnicos para executar estas obras, ou de adquisición de sistemas de comunicación ou outros relacionados coa mobilidade e o coidado persoal. As organizacións poderán recibir ata un máximo de 10.000 euros e o prazo de solicitude das axudas permanece aberto ata o 11 de maio.
