A Deputación inicia dous obradoiros de capacitación tecnolóxica no marco do programa +Reto Dixital en Vila de Cruces
Preto de 20 veciños e veciñas da vila participarán nas accións formativas centradas nas aplicacións do Sergas, na banca móbil e nas redes sociais
15/12/2025
A Deputación de Pontevedra comeza este luns, 15 de decembro, en Vila de Cruces as accións formativas do programa +Reto Dixital nas que participarán un total de 17 veciños e veciñas da localidade. Esta iniciativa da institución, que organizou ao longo deste ano 70 obradoiros de capacitación tecnolóxica na provincia, ten o obxecto de formar as persoas maiores de 50 anos para facilitarlles o acceso aos servizos da Administración pública, dotalas de maior autonomía para xestionar os seus trámites cotiáns, e mellorar a súa calidade de vida grazas á adquisición de competencias dixitais.
En Vila de Cruces organizaranse un total de dous obradoiros que terán lugar no Auditorio Xosé Casal, en horario de 10:00 a 12:30 horas, coa participación de 9 alumnos nunha das actividades e 8 noutra. A primeira en ter lugar será o curso "Sergas, a súa aplicación electrónica e TELEA", con dúas sesións este luns e martes, 15 e 16 de decembro, mentres que o curso "Uso da banca móbil e as compras electrónicas" celebrarase os días 18 e 19 de decembro.
Están a participar en +Reto Dixital, cun orzamento de 30.000 euros, un total de 23 concellos da provincia de reto demográfico entre os que se sitúan, ademais de Vila de Cruces, Salceda de Caselas, Mondariz, A Lama, Meis, Vilanova de Arousa, Cerdedo-Cotobade, Portas, Rodeiro, Meaño, Sanxenxo, Bueu, O Rosal,Pontecesures, Salvaterra de Miño, Caldas de Reis, Silleda, Fornelos de Montes, Arbo, Barro, Dozón, Catoira e Ribadumia. Con esta iniciativa, a Deputación de Pontevedra reafirma o seu compromiso coa inclusión dixital e coa mellora da calidade de vida das persoas maiores de 50 anos nos concellos de reto demográfico.