A Deputación programa tres obradoiros de capacitación tecnolóxica no marco do programa +Reto Dixital en Bueu
Preto de 35 veciños participarán nas accións formativas centradas nas aplicacións do Sergas, na banca móbil e nas redes sociais
14/10/2025
A Deputación de Pontevedra continúa a partir deste xoves 16 de outubro en Bueu a programación dos preto de 70 obradoiros de capacitación tecnolóxica do programa +Reto Dixital con tres novos obradoiros nos que participarán un total de 34 veciños e veciñas da localidade. Esta iniciativa da institución provincial ten como obxectivo formar as persoas maiores de 50 anos da provincia para facilitarlles o seu acceso aos servizos da Administración pública, dotalas de maior autonomía para xestionar os seus trámites cotiáns, e mellorar a súa calidade de vida grazas á adquisición de competencias dixitais.
Todos os cursos terán lugar no edificio municipal de Benestar Social, en horario de 10:00 a 12:30 horas e coa participación dunha ducia de alumnos e alumnas en cada actividade. A primeira en ter lugar será o curso “Sergas, a súa aplicación electrónica e TELEA”, con dúas sesións este xoves e venres, 16 e 17 de outubro. A seguinte semana, os días 23 e 24 de outubro, celebrarase o curso “Uso da banca móbil e as compras electrónicas”, e por último o 30 e 31 de outubro desenvolveranse as dúas sesións das que constará o curso “As Redes Sociais”.
Están a participar en +Reto Dixital, dotado cun orzamento de 30.000 euros, un total de 23 concellos da provincia de reto demográfico. Os obradoiros xa comezaron no concello de Mondariz, A Lama, Meis, Vilanova de Arousa, Cerdedo-Cotobade, Portas, Rodeiro, Meaño, Sanxenxo e agora Bueu, e seguiranlle Pontecesures, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Caldas de Reis, Silleda, Fornelos de Montes, Vila de Cruces, Arbo, Barro, O Rosal, Dozón, Catoira e Ribadumia.
Con esta iniciativa, a Deputación de Pontevedra reafirma o seu compromiso coa inclusión dixital e coa mellora da calidade de vida das persoas maiores de 50 anos nos concellos de reto demográfico. A Deputación ofertou cinco cursos (‘A Administración electrónica’, ‘A Sede electrónica da Deputación e do meu Concello’, ‘Sergas, a súa aplicación electrónica e TELEA’, ‘Uso da banca móbil e as compras electrónicas’ e ‘As redes sociais’) e cada un incluirá un módulo inicial sobre seguridade no uso de medios electrónicos e da Internet.