A Deputación inicia tres obradoiros de capacitación tecnolóxica no marco do programa +Reto Dixital no Rosal

25 veciños da vila participarán nas accións formativas centradas nas aplicacións do Sergas, na banca móbil e nas redes sociais

11/11/2025

A Deputación de Pontevedra comeza este martes, 11 de novembro, no Rosal as accións formativas do programa +Reto Dixital nas que participarán un total de 25 veciños e veciñas da localidade. Esta iniciativa da institución provincial, que ten previsto organizar este ano 70 obradoiros de capacitación tecnolóxica na provincia, ten o obxecto de formar as persoas maiores de 50 anos para facilitarlles o acceso aos servizos da Administración pública, dotalas de maior autonomía para xestionar os seus trámites cotiáns, e mellorar a súa calidade de vida grazas á adquisición de competencias dixitais.

No Rosal organizaranse un total de tres obradoiros que terán lugar no Centro social polivalente da rúa Cabaquiros, en horario de 17:00 a 19:30 horas, coa participación de 8 alumnos en dúas das actividades e 9 noutra. A primeira en ter lugar será o curso "Sergas, a súa aplicación electrónica e TELEA", con dúas sesións este martes e este xoves, 11 e 13 de novembro. A seguinte semana, os días 18 e 20 de novembro, celebrarase o curso "Uso da banca móbil e as compras electrónicas"; e por último, o 25 e 27 de outubro desenvolveranse as dúas sesións das que constará o curso "As Redes Sociais".

Están a participar en +Reto Dixital, dotado cun orzamento de 30.000 euros, un total de 23 concellos da provincia de reto demográfico. Os obradoiros xa comezaron no concello de Mondariz, A Lama, Meis, Vilanova de Arousa, Cerdedo-Cotobade, Portas, Rodeiro, Meaño, Sanxenxo, Bueu e agora O Rosal, e seguiranlle Pontecesures, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Caldas de Reis, Silleda, Fornelos de Montes, Vila de Cruces, Arbo, Barro, Dozón, Catoira e Ribadumia.

Con esta iniciativa, a Deputación de Pontevedra reafirma o seu compromiso coa inclusión dixital e coa mellora da calidade de vida das persoas maiores de 50 anos nos concellos de reto demográfico. A Deputación ofertou cinco cursos ('A Administración electrónica', 'A Sede electrónica da Deputación e do meu Concello', 'Sergas, a súa aplicación electrónica e TELEA', 'Uso da banca móbil e as compras electrónicas' e 'As redes sociais') e cada un incluirá un módulo inicial sobre seguridade no uso de medios electrónicos e da Internet.