As pezas cerámicas e as inhumación dos corpos das monxas, eixo central das dúas charlas desta semana en Santa Clara

A responsable de restauración Aldara Rico e as antropólogas Olalla López e Clara Veiga serán as responsables dos relatorios, que comezarán ás 19.30h

28/11/2022

Santa Clara será esta semana novamente protagonista. O ciclo de conferencias programado pola Deputación e o Concello de Pontevedra co fin de conmemorar o aniversario da compra do convento continúa con dous novos relatorios mañá martes e este xoves – ambos ás 19.30 horas-, desta volta centrados nos achados de pezas cerámicas, así como nas inhumacións dos corpos das monxas atopados no recinto das Clarisas.

Mañá 29 de novembro será a quenda de ‘Compoñendo puzzles’, unha charla exposta pola responsable dos traballos de conservación e restauración dos materiais mobles localizados durante os traballos arqueolóxicos, Aldara Rico, quen fará un percorrido, entre outras cousas, polos milleiros de pezas de cerámica e outro tipo de obxectos singulares atopados nas diferentes catas.

Segundo xa se adiantou, nas escavacións destacou o número de pezas aparecidas e a variedade das súas formas, atopando elementos en diferentes niveis en función da súa antigüidade, dende o século XV ata o século XVIII. Tamén é de salientar a existencia de alfinetes nos enterramentos do claustro e incluso restos dun sudario, así como numerosos restos humanos, algúns en bo estado de conservación e outros máis deteriorados.

Sobre este último punto, a inhumación dos corpos das monxas, falarán este xoves 1 de decembro a doutora Olalla López e Clara Veiga. Ambas tratarán de dar datos do convento dende o punto de vista antropolóxico baixo o título ‘A vida a través da morte. Aproximación ao estudo das individuais recuperadas no convento de Santa Clara’. Entre outras cousas achegarán información sobre o estilo de vida e a alimentación na congregación.

Os relatorios continuarán o luns 5 de decembro de 2022 coa conferencia ‘Os papeis de Santa Clara’ (“Santa Clara papers”), do doutor Suso Vil; o martes 13 de decembro coa ‘Conferencia de (case) clausura’, polo doutor Xurxo Ayán; e o mércores 14 con ‘Plantas no pasado e no presente do convento de Santa Clara’, a cargo de María Martín e Carmen Salinero.

Ligazóns de interese

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 16 resultados.