A Deputación organiza a próxima semana seis novos obradoiros de capacitación tecnolóxica da Rede SmartPeme+

Entre o 21 e o 24 de abril realizaranse accións presenciais e telemáticas arredor de temáticas como os infoprodutos, o comercio en liña, fotografía de produto ou estratexias de contido

20/04/2025

A Deputación de Pontevedra organiza a próxima semana seis novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións, en formato tanto presencial como telemático (todas elas requiren inscrición previa), celebraranse entre o luns 21 e o xoves 24 de abril e afondarán en cuestións de grande interese para o tecido empresarial da provincia como son os infoprodutos, o comercio en liña, a fotografía de produto, estratexias de contido, análise de datos e o concepto de Produto Mínimo Viable.

O luns 21 celebrarase o obradoiro telemático “Infoprodutos II. Deseña un lead magnet para aumentar os teus subscritores”, coordinado pola oficina de Lalín a partir das 12:00 horas. Nesta segunda sesión do obradoiro os participantes afondarán no concepto de ‘lead magnet’, unha serie de incentivos para o crecemento óptimo dos negocios en liña que permiten aumentar os contactos. Será impartido por Fátima Faílde (licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, cun posgrao en Comunicación e Industrias Creativas e experiencia en comunicación corporativa, deseño gráfico e Imaxe corporativa) e as inscricións pódense realizar no seguinte formulario.

O martes 22, en formato telemático ás 12:00 horas, a oficina de Vigo coordina o obradoiro “Woocommerce II. A solución que buscabas para vender por Internet”. Nesta sesión os inscritos poderán seguir afondando nesta solución de comercio electrónico, aprendendo a instalalo, configuralo, distinguir entre as distintas opcións que ofrece para engadir produtos e os distintos plugins de seguridade, pedidos ou campos co que se poden complementar. As inscricións pódense realizar neste formulario e será impartido por María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas cun posgrao en Comunicación Corporativa.

A oficina de Vigo tamén coordina o martes outro obradoiro telemático, ás 17:00 horas, “Presentación do produto mínimo viable (PMV)”, no que se explicará o significado deste concepto e a súa importancia no desenvolvemento de ideas de negocio, así como a diferenza entre este e un prototipado. O obradoiro será impartido por Sabela Álvarez, asesora de emprendemento, licenciada en Comunicación e formadora acreditada con máis de 10 anos de experiencia en empregabilidade, emprego e emprendemento. O formulario de inscricións para esta acción formativa pode atoparse nesta ligazón.

O mércores 23 terá lugar o obradoiro telemático “Xera unha estratexia de contido gañadora con ChatGPT”, organizado polo punto SmartPeme+ do Porriño e con comezo ás 12:00 horas. Os participantes aprenderán a utilizar a Intelixencia Artificial para crear unha estratexia de contido sólida e adaptada ao seu negocio, xerando publicacións que conecten coa súa audiencia. O obradoiro será impartido por Esther Garcinuño, Diplomada en Ciencias Empresariais e Enxeñeira Técnica en Informática de Xestión, con preto dunha década de experiencia en deseño, desenvolvemento e dirección de proxectos web. As persoas interesadas poden inscribirse a través do seguinte formulario.

Tamén o mércores, pero en modalidade presencial ás 18:00 horas na oficina de Ponteareas, celebrarase o obradoiro “Fotografía de produto para o teu E-commerce e redes sociais”. A acción incidirá na importancia da fotografía como escaparate en liña, e na atención que se lle debe prestar á luz ou a composición das mesmas. Os asistentes aprenderán sobre ferramentas, materiais e practicarán con programas de edición en liña. Será impartido por Lara Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico con experiencia en fotografía de produto. As inscricións pódense realizar neste formulario.

O xoves 24 remata a programación da semana cun obradoiro presencial no punto SmartPeme+ de Cambados ás 17:00 horas, co título “Power BI dende cero II”, que seguirá afondando na ferramenta Microsoft Power BI para a análise de datos. Nesta lección, impartida polo asesor da oficina, Jose Luis Taboada, abordaranse conceptos como a modelización de datos, as visualizacións, a creación de informes ou o DAX. As inscricións poden realizarse desde este formulario.

A Deputación destina este ano 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Pyme Rural para asesorar persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Desde esta rede lévanse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo arredor de 200 talleres formativos e actividades complementarias.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.