O Castelo de Sobroso acolle este martes o espectáculo cómico ‘Superheroe’ do pallaso Fran Rei

A proposta forma parte do programa “Tras as ameas” da Deputación e será unha homenaxe ás e aos superheroes do día a día que concilian a súa actividade profesional co coidado das e dos fillos

20/08/2023

A Deputación de Pontevedra organiza este martes 22 de agosto, ás 19:00 horas, unha nova proposta cultural ao abeiro do programa “Tras as ameas” no xardín do castelo de Sobroso. Trátase do espectáculo cómico Superheroe, a cargo do pallaso Fran Rei, que servirá de homenaxe ás superheroínas e superheroes anónimos que axudan a que a vida sexa máis sinxela, fermosa e feliz mentres concilian a súa vida profesional e familiar. O espectáculo conta con todas as prazas esgotadas.

Dirixido a un público familiar, o espectáculo bebe da influencia cinematográfica do universo das e dos superheroes xunto coas experiencias persoais de Fran Rei arredor da paternidade. Deste xeito, Rei dálle vida a un superheroe que intenta compaxinar os coidados dos seus fillos coas fazañas que leva a cabo para salvar o mundo dos perigos aos que se enfronta. O artista, que tamén compatibiliza a súa actividade coa docencia no campo da dramatización, é cofundador, pallaso en activo e coordinador da compañía oficial do Festival Internacional de Clown de Galicia Os Sete Magníficos Máis Un.

“Tras as ameas” finalizará o próximo 29 de agosto co obradoiro Lingoreteira

O próximo espectáculo do programa “Tras as ameas”, o obradoiro Lingoreteira, de Xarope Lulú, dará por finalizada a actual edición do programa cultural da Deputación. Terá lugar o 29 de agosto, tamén en Sobroso, e xa completou a súa capacidade.

No programa da Deputación, que dinamiza os castelos de Soutomaior e Sobroso durante o verán, realízanse 13 actividades, entre concertos, obradoiros, contacontos ou espectáculos escénicos que inclúen maxia e circo. As accións de “Tras as ameas” divídense en cinco bloques: Noite no castelo (accións nocturnas), Música con historia (concertos para público familiar), Nin príncipes nin princesas (contacontos), O teatro vén de visita (teatro de rúa), Creando no xardín (obradoiros participativos de arte), Vaia circo este castelo! (espectáculos de circo exterior) e Entre muros de maxia! (espectáculos de maxia).

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 11 resultados.