O Castelo de Soutomaior acolle este xoves o espectáculo escénico para público familiar “Nino e Mambrú”

A peza da compañía Nauta, que inclúe acrobacias, mimo e improvisación co público, enmárcase no ciclo da Deputación “Tras as Ameas” e ten todas as prazas esgotadas

15/08/2023

A compañía galaico-francesa Nauta protagoniza este xoves 17 de agosto no Castelo de Soutomaior unha nova proposta do ciclo da Deputación de Pontevedra “Tras as Ameas”. Os xardíns da fortaleza converteranse no escenario do espectáculo ‘Nino & Mambrú’, que comezará ás 19:00 horas para o público familiar, e que xa ten todas as prazas esgotadas.

Inspirado polos grandes dúos da historia da comedia (como O Gordo e o Fraco e o humor físico de Buster Keaton e Charlie Chaplin), ‘Nino & Mambrú’ presenta un número de teatro físico onde caben a acrobacia, a esgrima, o mimo e a improvisación co público. Nauta é unha nova compañía de creadores galaico-francesa que bebe do teatro físico, especialmente do mundo da máscara e as marionetas. O grupo explora un teatro que busca abrir novos espazos e converterse nun punto de encontro entre artistas de diferentes nacionalidades e disciplinas.

Esta actividade é unha das 13 programadas ao abeiro de “Tras as Ameas”, o programa co que este verán a Deputación de Pontevedra está a encher de cultura os castelos de Soutomaior e Sobroso. O ciclo arrancou o 27 de xuño e inclúe ata o 29 de agosto un total de 13 accións entre concertos, obradoiros, contacontos ou espectáculos de maxia e circo. As actividades están divididas en cinco bloques: ‘Noite no castelo’ (accións nocturnas), ‘Música con historia’ (concertos para público familiar), ‘Nin príncipes nin princesas’ (contacontos), ‘O teatro vén de visita’ (teatro de rúa), ‘Creando no xardín’ (obradoiros participativos de arte), ‘Vaia circo este castelo!’ (espectáculos de circo exterior) e ‘Entre muros de maxia!’ (espectáculos de maxia).

As próximas dúas actividades serán as últimas da actual edición do programa. Trátase da peza de maxia ‘Superheroe’, que ofrecerá Fran Frei o 22 de agosto, e do obradoiro ‘Lingoreteira’, de Xarope Lulú, o 29 de agosto. Ambas as dúas terán lugar no Castelo de Sobroso e teñen as prazas esgotadas.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.