Últimos días para visitar no palacete das Mendoza a mostra de Alberto Pena “Superficies”

Poderá visitarse na sede de Turismo Rías Baixas ata o domingo 5 de novembro

30/10/2023

Últimos días para visitar a mostra de Alberto Pena “Superficies” no palacete das Mendoza. Nesta exposición o creador intervén a sala coas súas pezas pintadas sobre as teas que se utilizan para o control de maleza tecidas con polipropileno.

A mostra, en palabras do artista, representa “superficies non compactas e sen bordo, son formas de relevo, coma formacións montañosas, chairas e depresións”. Segundo explicou Pena, a súa pintura actúa sobre a tea “de maneira similar á acción do clima, aos procesos xeolóxicos e ás accións antrópicas”, producidas pola actividade humana. Deste xeito, o creador pretende tamén buscar “un efecto dramático da luz”.

A exposición poderá visitarse ata o 5 de novembro no palacete das Mendoza de Pontevedra, sede de Turismo Rías Baixas (praza de Santa María s/n), de luns a venres, de 9:00 a 20:00 horas, mentres que os sábados e festivos o horario será de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas e, os domingos, de 10:00 a 14:00 horas.