O artista Alberto Pena amosa no palacete das Mendoza de Pontevedra a exposición “Superficies”

A mostra poderá visitarse na sede de Turismo Rías Baixas desde este venres 20 de outubro ata o domingo 5 de novembro

19/10/2023

O artista Alberto Pena ofrece desde este venres 20 de outubro e ata o domingo 5 de novembro a mostra “Superficies” no palacete das Mendoza.  Nesta exposición, o creador intervén a sala da sede de Turismo Rías Baixas de Pontevedra coas súas instalacións. Trátanse de pezas pintadas sobre as teas empregadas para controlar a maleza tecidas con polipropileno que representan “superficies non compactas e sen bordo; son formas de relevo, como formacións montañosas, chairas e depresións”.

Segundo explica o artista, a súa pintura actúa sobre a tea “de maneira similar á acción do clima, aos procesos xeolóxicos e ás accións antrópicas” producidas pola actividade humana. Deste xeito, Alberto Pena pretende tamén buscar “un efecto dramático da luz”.

A exposición poderá visitarse no palacete das Mendoza de Pontevedra, sede de Turismo Rías Baixas (praza de Santa María, s/n), de luns a venres, de 9:00 a 20:00 horas; os sábados e festivos o horario será de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas; e os domingos, de 10:00 a 14:00 horas.

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.