A Deputación mantén aberto ata o próximo mércores o prazo para presentar candidaturas aos II Premios Boas Prácticas en Igualdade
Premiaranse os mellores proxectos da provincia a favor da igualdade de xénero e contra a violencia machista con 16.000 euros distribuídos en catro categorías
27/09/2025
A Deputación de Pontevedra mantén aberto ata 1 de outubro o prazo para presentar candidaturas aos II Premios de Boas Prácticas en Igualdade, cos que busca distinguir a persoas e entidades que realicen actividades, proxectos ou programas que destaquen como boas prácticas en igualdade de xénero e contra a violencia machista na provincia de Pontevedra. Estes galardóns repartirán 16.000 euros nos eidos da cultura, do deporte, da educación e do medio social.
Deste xeito, premiaranse entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que realicen actividades ou proxectos sobre a igualdade de xénero ou a erradicación da violencia de xénero; a persoas físicas ou entidades culturais sen ánimo de lucro pola súa actividade a través de actuacións artísticas, teatrais, musicais, literarias para a consecución da igualdade de oportunidades de mulleres e homes; a persoas físicas ou entidades deportivas que fomenten a práctica deportiva en condicións de igualdade entre nenas e nenos ou entre persoas adultas, para romper cos estereotipos de xénero existentes e contribuír a erradicar a violencia de xénero no deporte; e a centros públicos de educación que teña incorporado no seu proxecto educativo a igualdade de oportunidades ou asociacións de pais e nais de alumnado que realice nos centros educativos actuacións dirixidas tanto ao alumnado coma ao profesorado e ás familias, co fin de fomentar a igualdade de xénero.
A proposta gañadora de cada categoría recibirá unha gratificación de 3.000 euros e concederase tamén un accésit en cada unha delas dotado con 1.000 euros. Ademais, haberá catro mencións honoríficas a persoas físicas, entidades locais, entidades sociais e organismos públicos que desenvolvan unha traxectoria inapelable a prol da igualdade entre mulleres e homes.
Poderán concorrer a estes premios as persoas físicas, entidades, centros educativos e asociacións de nais e pais de alumnado da provincia de Pontevedra e as candidaturas deben presentarse a través da Sede electrónica da Deputación de Pontevedra. As bases dos galardóns poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO)