Luis López anuncia a adxudicación por 1,7 millóns de euros das obras de mellora da seguridade viaria na estrada de Campelo, en Poio

O proxecto, financiado ao 80% pola Deputación e ao 20% polo Concello de Poio, desenvolverase nun tramo de 1,1 quilómetros e contempla a creación dunha nova senda peonil

18/09/2026

Luis López anuncia a adxudicación por 1,7 millóns de euros das obras de mellora da seguridade viaria na estrada de Campelo, en Poio

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou hoxe en conferencia de prensa que a Xunta de Goberno acaba de adxudicar as obras de mellora da seguridade viaria e de creación dunha senda peonil na EP-0601 Portosanto-Campelo, en Poio. Trátase dunha actuación cun orzamento total de 1,8 millóns de euros, dos que a Deputación aporta o 80% e o Concello o 20% restante e un avance que chega despois de que “a semana pasada estiveramos neste mesmo núcleo de Poio presentando o proxecto do centro de maiores, que conta cun financiamento de 800.000 € da Deputación de Pontevedra”, como explicou o presidente provincial.

A mellora da seguridade e mobilidade desta vía provincial desenvolverase nun tramo de 1,1 quilómetros. Deste xeito, crearase unha senda peonil de formigón coloreado de 2,50 metros de largo na marxe dereita da estrada e implantarase unha zona de convivencia onde non é posible acadar esa lonxitude mínima. Ademais, a actuación contempla a execución de muros de sostemento da estrada, a creación de prazas de estacionamento, a mellora do sistema de drenaxe de augas pluviais, a renovación da iluminación pública e a reposición de aqueles servicios afectados pola execución das obras.

O presidente Luis López sinalou que esta actuación en Poio é unha das dúas aprobadas nesta Xunta de Goberno “para avanzar na transformación das estradas provinciais, proba de que non paramos de traballar, e de que seguimos investindo recursos como nunca antes se fixera para alongar a súa vida e garantir a súa seguridade”.