A Deputación aproba o proxecto para a mellora da seguridade viaria no treito antigo de Baldomar, na EP-5107, en Covelo, cun orzamento de 390.000 euros
A actuación céntrase nun tramo de algo máis de 970 metros que conecta esta vía coa estrada autonómica PO-261, onde é necesario mellorar a drenaxe e proceder á reposición de firmes
18/09/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou este venres de que a Xunta de Goberno da institución provincial deu luz verde ao proxecto das obras de mellora da seguridade viaria no treito antigo de Baldomar, na EP-5107, no concello de Covelo, que recibirán preto de 390.000 euros.
A actuación céntrase nun tramo de algo máis de 970 metros que conecta esta vía coa estrada autonómica PO-261, onde é necesario mellorar a drenaxe e proceder á reposición de firmes. En concreto, o proxecto contempla a execución dun novo sistema de drenaxe destinado á correcta evacuación das augas pluviais con tubaxes de PVC soterradas. A recollida das augas realizarase mediante a execución de cunetas formigonadas, complementadas con pozos de rexistro, arquetas, sumidoiros e demais elementos auxiliares. Ademais, procederase ao fresado da capa de rodaxe actual e executarase a reposición do pavimento mediante a extensión de mestura bituminosa en quente. Como fase final das obras, procederase á reposición e adecuación da sinalización viaria, tanto horizontal como vertical.
O presidente Luis López sinalou que esta actuación en Covelo é unha das dúas aprobadas nesta Xunta de Goberno “para avanzar na transformación das estradas provinciais, proba de que non paramos de traballar, e de que seguimos investindo recursos como nunca antes se fixera para alongar a súa vida e garantir a súa seguridade”.
