A Deputación adxudica por máis de 360.000 € o servizo de xestión do padrón municipal do que xa se beneficiarán máis de 30 concellos

Luis López lembrou que a Deputación segue aberta a que máis concellos de menos de 50.000 habitantes se adhiran a este servizo, polo que deben achegar como máximo mil euros anuais

27/02/2026

A Deputación adxudica por máis de 360.000 € o servizo de xestión do padrón municipal do que xa se beneficiarán máis de 30 concellos

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra deu luz verde este venres á adxudicación, por 363.000 euros, do servizo que ofrecerá aos concellos de menos de 50.000 habitantes unha novidosa solución tecnolóxica de padrón municipal de habitantes. O presidente provincial, Luis López, lembrou que “xa temos 31 concellos adheridos” a este servizo, polo que se lles axudará durante un período de cinco anos, “e seguimos dispoñibles a outros concellos que o queiran solicitar”.

A prestación de padrón municipal de habitantes prevé a instalación, xestión de acceso e identificación dos diferentes perfís e autorizacións, así como a integración coa plataforma de administración electrónica municipal para facilitar trámites e reducir os tempos de espera. O proxecto tamén inclúe a integración do INE para o intercambio automático e seguro de datos.

“Trátase dunha solución moi económica para os concellos”, sinalou Luis López, xa que teñen que achegar como máximo 1.000 euros ao ano no caso dos de máis de 20.000 habitantes, e apenas 200 € anuais os de menos de 5.000. Nestes momentos están adheridos os concellos de Arbo, Cangas do Morrazo, A Cañiza, Covelo, Crecente, Dozón, Forcarei, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Lalín, A Lama, Marín, Meaño, Moaña, Mondariz-Balneario, Moraña, As Neves, Oia, Ponteareas, Portas, Redondela, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vila de Cruces e Vilaboa, dentro dun convenio marco que regula a colaboración cos municipios para poñer en marcha este servizo.

audios