Luis López adianta que as axudas para cooperativas da Deputación aumentan ata os 0,5M€, o dobre que en 2023, nun encontro con profesionais do sector gandeiro en Lalín
O presidente provincial informa de novas iniciativas dirixidas ao sector primario e ao reto demográfico, como os 130.000€ para investir en Finca Mouriscade ou os 100.000€ para o plan piloto de recuperación da aldea de Remesar, no peche dos XXI Encontros Gandeiros
05/11/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informa dun novo incremento de recursos na liña de axudas que destina cada ano a administración ás cooperativas agrogandeiras recollido xa no Orzamento para o vindeiro ano 2027 que será aprobado de xeito inicial este venres nun pleno extraordinario. No acto de clausura da XXI edición dos Encontros Gandeiros organizado por Xundeva este venres no auditorio de Lalín, o mandatario provincial adiantou que a Deputación porá a disposición destes colectivos un total de 500.000 euros, é dicir, o dobre do destinado polo organismo provincial no primeiro ano de mandato. “No orzamento do vindeiro ano 2027, as axudas da Deputación para as cooperativas agrogandeiras aumentan desde os 350.000 euros do ano 2026 ata os 500.000 euros. Falamos de máis apoio para achegar máis recursos e chegar a máis entidades para que o noso campo sexa máis forte, máis moderno e máis competitivo”, salientou o dirixente nun encontro no que estivo acompañado polo alcalde de Lalín, José Crespo, o presidente de Xundeva, Aresnio Presas; e traballadores do sector.
A vixésimo primeira edición dos Encontros Gandeiros que organiza cada ano a ADSG Xundeva celebrouse ao longo desta mañá de venres no auditorio municipal de lalín. Desde as 11 horas, os profesionais do sector gandeiro da comarca do Deza e doutros puntos da provincia asistiron a conferencias relacionadas con casos clínicos de enfermidades emerxentes que afectan ao gando, a aplicación da intelixencia artificial ás ganderías ou as actualizacións máis recentes da Política Agraria Común. O presidente da Deputación, Luis López, participou no acto de peche da xornada, onde reafirmou o compromiso da Deputación tanto co sector gandeiro do Deza, como co tecido produtivo do conxunto da provincia e o impulso ao rural.
“Cando se trata de mellorar a calidade de vida e de traballo das persoas que viven no rural, aí sempre estará a Deputación”, enmarcou López antes de referirse a iniciativas concretas como a mellora da rede viaria, a redacción dun plan piloto para afrontar o reto demográfico e buscar solución ao problema da vivenda a través dun estudo para a recuperación da aldea abandonada de Remesar, en Rodeiro, que dispón dunha partida inicial de 300.000€: o investimento de 130.000€ para melloras no laboratorio e a granxa de Finca Mouriscade, que no 2027 contará cun orzamento total de 1,24M€ e un novo incremento das axudas dirixidas ás cooperativas agrogandeiras. “Estamos colaborar co sector agrogandeiro da provincia desde o minuto un. Lembro un dos primeiros encontros que tiven co sector para informar do aumento das axudas desde 250.000 a 350.000 euros. Hoxe informámosvos que no Orzamento do ano 2027, as axudas da Deputación para estas cooperativas aumentan desde os 350.000 ata os 500.000 euros, é dicir, o dobre que ao comezo do mandato”, explicou o dirixente, sobre unha convocatoria dirixida a financiar investimentos, mellorar a comercialización dos produtos, fomentar a innovación ou implantar novas tecnoloxías.
Neste sentido, Luis López quixo reafirmar o compromiso da Deputación á hora de afrontar todos os desafíos aos que ten que enfrontarse o rural. “Son moitos e moi complexos os desafíos que o rural ten por diante: éxodo cara as cidades, envellecemento da poboación, baixa natalidade, falta de remuda xeracional, aldeas abandonadas, risco de incendios. Ata a vivenda, que tamén afecta a de que xeito ao rural. Pero se unha certeza temos en común todos os que estamos hoxe aquí é que no rural xorden decotío iniciativas empresariais, sociais e persoais que demostran que no interior da provincia hai moito futuro, só hai que apostar por el”, concluíu o presidente da Deputación.
