A Deputación destina máis de 185.000 euros do Plan +Provincia para financiar gasto corrente dos servizos municipais de Bueu

O concello recibirá os recursos provinciais para financiar a limpeza de espazos públicos, vías municipais e praias, así como a dotación de persoal de socorrismo para os seus areais

10/07/2026

A Deputación destina máis de 185.000 euros do Plan +Provincia para financiar gasto corrente dos servizos municipais de Bueu

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno unha achega por valor máis de 185.000 euros para o Concello de Bueu, no marco do Plan +Provincia 2026-2027, co obxecto de financiar o gasto corrente derivado dos servizos de limpeza viaria e de praias e a dotación de persoal para os labores de socorrismo nos areais municipais.

Por unha banda, Bueu destinará as achegas para a prestación do servizo de limpeza pública en espazos de uso público, vías e praias do municipio, co obxecto de garantir a salubridade, a hixiene, o benestar veciñal e a protección medioambiental nos espazos intervidos. Ademais, Bueu tamén empregará os fondos do Plan +Provincia para dotarse de persoal de socorrismo en praias, coa incorporación dun total de 16 socorristas e outro posto de coordinador e responsable do servizo, todos eles a xornada completa, de luns a domingo.

“Cada semana estamos máis preto de completar os 85 millóns de € cos que conta este plan, que como saben conta coa liña de investimento correspondente ao ano 2027 para que os concellos poidan garantir xa este ano os seus proxectos máis ambiciosos”, sinalou Luis López.