A Deputación sortea un dos adornos de Nadal artesanais da colección ViCo exposta no Pazo provincial

As persoas interesadas deberán marcar “me gusta” na publicación do vídeo da colección no Instagram da Deputación, seguir ao organismo e á colección ViCo e sacar unha fotografía coa decoración do Pazo mencionando @deputacionpontevedra e @coleccion.vico nesta rede social

02/12/2025

Réplica de adorno da colección

No marco de “Un Nadal que saia do noso interior”, a programación deseñada pola Deputación de Pontevedra para estas datas que contempla actividades culturais por toda a provincia, está aberta ata despois de Reis no Pazo provincial unha exposición de adornos de Nadal artesanais da colección ViCo. Trátanse de seis vitrinas que amosan parte das 1.200 pezas que compoñen esta colección, con elementos procedentes de diferentes países de Europa que xa foron expostos en diferentes museos de España e Portugal. Co obxectivo de compartir coa cidadanía esta mostra tan especial, a Deputación acaba de activar un sorteo en redes sociais para agasallar cun destes adornos artesanais expostos no Pazo.

As persoas interesadas en participar no sorteo e obter este adorno de Nadal artesanal deberán marcar “me gusta” na publicación do vídeo da colección ViCo publicado no Instagram da Deputación de Pontevedra. Tamén terán que seguir ao organismo provincial e á colección de adornos de Nadal e sacar unha fotografía da decoración do Pazo ou ben da propia colección exposta, mencionando @deputacionpontevedra e @coleccion.vico nesta rede social. O sorteo estará operativo ata as 10:00 horas do 22 de decembro e ao longo dese mesmo día publicarase o nome da persoa gañadora, que recibirá unha peza de vidro totalmente artesanal, soprada a boca e pintada a man procedente de Europa central.

A colección ViCo comezou no 2009 nunha viaxe a Polonia de Carlos Vieira e Fátima Cobo, os propietarios das pezas artesanais que a integran. Desde aquela foron sumando elementos ata chegar aos 1.200, todos eles realizados por grupos grandes de artesáns ou obradoiros pequenos, de entre 2 ou 3 vidreiros, procedentes de países como Polonia, Alemaña, República Checa, Austria, Rusia ou Ucraína. No caso da mostra do Pazo Provincial, as pezas seleccionadas están dispostas en seis vitrinas con elementos relacionados coa riqueza do interior da provincia, coa súa identidade rural e o seu rico e variado patrimonio natural, arquitectónico e gastronómico.

Galerias de imagenes