A Deputación acende o motor do 25N en Pontevedra e Vigo co despregue das lonas que reivindican as “alianzas dende o feminismo”

A pancarta conmemorativa, que marca o arranque oficial da programación,  loce xa nas fachadas de ambos inmobles coa imaxe de tres mulleres unidas fronte ao negacionismo

18/11/2022

A imaxe de tres mulleres fortemente unidas simboliza xa no balcón do Pazo Provincial de Pontevedra e na sede da Deputación en Vigo o lema “Fronte ao negacionismo. Alianzas dende o feminismo” co que este ano a Deputación de Pontevedra conmemora o 25N. A presidenta, Carmela Silva, xunto ao vicepresidente César Mosquera e deputadas e deputados provinciais, despregaron hoxe a pancarta reivindicativa da loita contra a violencia machista que marca o arranque da programación provincial que se prolongará ata finais de ano baixo catro eixos: alianzas desde a comunicación, a educación, a cultura e a investigación e coñecemento.

Carmela Silva aludiu ao lema escollido neste 2022 para subliñar que “é preciso establecer alianzas que non permitan nin un paso atrás nos logros conseguidos”. “Ante a negación debemos defender con argumentos o común denominador desta vulneración dos dereitos humanos. Asasínannos por ser mulleres”. Lembrou que de novo estamos no tempo de estar alerta, vixiantes, porque todas as crises sempre fan que a igualdade retroceda e, esta vez, non o vai facer porque hai moitas mulleres aliadas contra as violencias machistas e as discriminacións”.

A programación da Deputación terá os actos centrais o vindeiro venres 25N, co pleno da corporación provincial no que se dará lectura á declaración institucional a cargo da profesora Azucena Arias (12 horas) . O mesmo día arrancará tamén a oitava edición de “Mulleres en acción. Violencia Zerocon dúas accións en Pontevedra e Vigo, a primeira ás 10.30 horas no Pazo Provincial, protagonizada pola compañía Duelirium e a actriz Mónica de Nut, que porán en escena un espectáculo con acrobacias. Pola tarde, ás 18 horas, no MARCO de Vigo terá lugar a outra acción inaugural a cargo de Iria Sobrado, Ana Gesto e Elena Salgueiro con “Canon circular”

Previamente, xa esta próxima semana celebraranse dous actos integrados na programación: o luns a presentación de Gegame, un novidoso proxecto cunha ferramenta educativa para promover a igualdade implicando á mocidade; a estrea do banco das mulleres da escrita nos xardíns do Pazo Provincial de Pontevedra e a inauguración o xoves 24 na sede de Vigo da mostra “Dende a fenda. Prácticas artísticas e feministas en Galicia”.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.