Rafa Domínguez anuncia que este xoves a Deputación aprobará o expediente para contratar a mellora da estrada provincial EP-0002 Marco-Tomeza-Figueirido, cun investimento de máis de 1,7 millóns de euros
“Trátase dunha actuación moi demandada pola veciñanza, que pronto será unha realidade e permitirá mellorar de xeito integral os primeiros 2.500 metros desta estrada provincial para garantir a súa funcionalidade e seguridade”, remarcou o vicepresidente
29/07/2025
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, xunto coa deputada de Infraestruturas Públicas, Belén Cachafeiro, acaba de visitar Tomeza onde anunciou que a Xunta de Goberno do organismo provincial aprobará este xoves o expediente para contratar a mellora da mobilidade peonil na estrada EP-0002 Marco-Tomeza-Figueirido, cun investimento de máis de 1,7 millóns de euros. “Trátase dunha actuación moi demandada pola veciñanza –remarcou o vicepresidente provincial-,que pronto será unha realidade e permitirá mellorar de xeito integral os primeiros 2.500 metros desta estrada provincial para garantir a súa funcionalidade e seguridade”.
A Deputación de Pontevedra encargarse de financiar o 80% da actuación, con preto de 1,4 millóns de euros, e o Concello de Pontevedra o 20% restante. En liñas xerais, renovarase o firme existente e crearase unha senda peonil para a mellora da mobilidade, xa que nestes momentos non existen nin beiravías, nin espazos adecuados para que as persoas transiten con seguridade e cómpre destacar que esta vía trátase dun sector do Camiño Portugués cara Santiago de Compostela.
Trala mellora, a estrada provincial contará con dous carrís e unha senda peonil de 2,5 metros de ancho mínimo na marxe esquerda, así como unha separación entre a senda e a calzada e unha cuneta de ancho variable segundo o espazo dispoñible. Ademais, en dous tramos (entre os puntos quilométricos 0+530 e 0+670 e entre os 0+795 e 0+860), proxéctanse dúas plataformas elevadas como zonas de convivencia de tráfico peonil e rodado, con prioridade peonil e maiores limitacións de velocidade, xa que debido ás vivendas non é posible acadar o ancho necesario para executar a senda peonil.
A vía será pavimentada cunha nova capa e, pola súa banda, a senda e as zonas de convivencia con formigón coloreado. Tamén se executará unha cuneta de formigón para a drenaxe da vía e muros de contención, así como unha varanda de aceiro nos tramos da senda peonil onde existan desniveis perigosos. Ademais, canalizarase o alumeado público para a futura instalación de nova iluminación, acondicionaranse as interseccións e dotarase á estrada de nova sinalización horizontal e vertical.
