A Deputación achega a Sanxenxo esta fin de semana a figura do pioneiro do cinema galego, José Gil

O venres 6 e o sábado 7 de outubro o concello acollerá proxeccións, conversas e coloquios sobre o cineasta, dentro do programa que desenvolve a institución provincial xunto a Vía Láctea Films, Cine na Rúa e a Editorial Galaxia

04/10/2023

Rafa Domínguez participou na presentación da nova temporada do equipo de balonmán Teucro

A Deputación de Pontevedra leva a Sanxenxo esta fin de semana o proxecto que desenvolve xunto a Vía Láctea Films, Cine na Rúa e a Editorial Galaxia e que chegará este ano a trinta concellos da provincia para poñer en valor a figura de José Gil (1870-1937), pioneiro do cinema galego. As actividades desenvolveranse o venres 6 e o sábado 7 de outubro e inclúen proxeccións e conversas ao redor da traxectoria de Gil, que foi fotógrafo, director, operador de cámara, realizador, produtor e exhibidor de cinema nun tempo no que o cinema nacía en todo o mundo. 

Na xornada do venres 6, o Auditorio Emilia Pardo Bazán da vila acollerá pola mañá varias proxeccións dirixidas ao alumnado dos centros educativos, que tamén poderá visitar o Cinemóbil, con 16 paneis explicativos sobre o cineasta, nos que se aborda a súa biografía e traxectoria na fotografía. Pola tarde, de 20:00 a 21:30 horas e tamén no auditorio, pasaranse de novo os filmes, esta vez cunha exhibición aberta ao público xeral. Pola súa banda, o sábado, 7 de outubro, a programación arrancará ás 10:00 horas na praza dos Barcos, onde se instalará o Cinemóbil e Manolo González presentará o seu libro Nos días encantados de agosto, a biografía sobre Gil coa que gañou o Premio Losada Diéguez de Investigación e Ensaio 2023. Posteriormente, a partir das 13:00 horas, haberá unha sesión vermú amenizada pola Sociedade Musical de Sanxenxo.

O proxecto multidisciplinar “José Gil. Pontevedra, provincia de cine. Na orixe do cinema” aglutina presentacións, exposicións, proxeccións, concertos e múltiples actividades ata o 3 de decembro nun total de trinta concellos para difundir e poñer en valor a figura e a obra do que considera o iniciador do cinema en Galicia. A programación comezou no seu concello de orixe, As Neves, e xa pasou por Cuntis, Cambados, A Guarda, Caldas de Reis, Mondariz, O Grove, Poio, Baiona, Redondela, Gondomar, Nigrán, Arbo, Mondariz-Balneario, Soutomaior, O Porriño, Bueu, Cangas, Pontecesures e Lalín. Despois de Sanxenxo, continuará en Pontevedra, Tui, Vigo, Covelo, Moaña, Salvaterra de Miño, Marín e Vilagarcía de Arousa.

José Gil e Sanxenxo
A principios do século xx Sanxenxo só era unha pequena vila mariñeira de paso obrigatorio para chegar ao Grove ou ao Balneario da Toxa, un itinerario habitual de José Gil. De feito, na vila tomou imaxes da praia de Silgar que forman parte de varios dos seus filmes, coma Pontevedra y sus paisajes (1924) e Pontevedra (1934). É probable, ademais, que as películas de José Gil fosen proxectadas no salón cinematográfico da Terraza de Sanxenxo ou no Salón Cine de Vilalonga e sábese que o Cinemóvil-Reclame N.º 2 visitou Sanxenxo o 31 de outubro de 1929 cun grande éxito popular.

Enlaces de interés

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.