O ciclo da Deputación “José Gil. Pontevedra, provincia de cine, na orixe do cinema” chega esta fin de semana a Vigo

O venres 27 e o sábado 28 de outubro a cidade acollerá unha mostra, visitas guiadas e proxeccións de obras do pioneiro do cinema galego, dentro do programa que desenvolve a institución provincial xunto a Vía Láctea Films, Cine na Rúa e a Editorial Galaxia

25/10/2023

A Deputación de Pontevedra leva esta fin de semana a Vigo o proxecto que desenvolve xunto a Vía Láctea Films, Cine na Rúa e a Editorial Galaxia para poñer en valor a figura de José Gil (1870-1937), pioneiro do cinema galego, e que chegará este ano a trinta concellos da provincia. As actividades desenvolveranse este venres 27 e o sábado 28 de outubro e inclúen proxeccións, visitadas guiadas ao Cinemóbil N.º 3 e unha mostra sobre a traxectoria de Gil, que foi fotógrafo, director, operador de cámara, realizador, produtor e exhibidor de cinema nun tempo no que esta arte nacía en todo o mundo. 

Na xornada do venres 27, o MARCO acollerá pola mañá proxeccións dirixidas ao alumnado dos centros educativos que poderán tamén visitar o Cinemóbil N.º 3 cos 16 paneis explicativos sobre o cineasta, nos que se aborda a súa biografía e traxectoria na fotografía. Pola tarde, de 19:00 a 20:30 horas e no mesmo espazo, realizarase unha nova exposición, desta volta aberta ao público xeral.

O sábado 28 de outubro, desde as 10:00 horas, terán lugar na Porta do Sol as visitas guiadas ao Cinemóbil N.º 3, e entre as 12:30 e as 14:00 horas haberá unha sesión vermú cun concerto da Unión Musical de Valadares. En caso de choiva trasladaranse as actividades a terán lugar pola tarde no Centro Veciñal e Cultural de Valadares, de tal xeito que a visita guiada ao Cinemóbil  N.º 3 tería lugar entre as 19:00 e as 20:00 horas e o concerto entre as 20:00 e as 21:00 horas.

O proxecto multidisciplinar “José Gil. Pontevedra, provincia de cine, na orixe do cinema” aglutina presentacións, exposicións, proxeccións, concertos e múltiples actividades ata o 3 de decembro nun total de trinta concellos para difundir e por en valor a figura e obra do considerado iniciador do cinema en Galicia. A programación comezou no seu concello de orixe, As Neves, e xa pasou por Cuntis, Cambados, A Guarda, Caldas, Mondariz, Covelo, Poio, Baiona, Redondela, Gondomar, Nigrán, Arbo, Mondariz-Balneario, Soutomaior, O Porriño, Bueu, Cangas, Pontecesures, Lalín, Sanxenxo, Pontevedra e Marín. Despois de Vigo, continuará no Grove, Salvaterra de Miño, Tui, Moaña, Vilagarcía de Arousa e Ponteareas.

José Gil e Vigo

Vigo foi o epicentro da vida do cineasta desde 1904 ata 1923, e posteriormente dende 1927 ata a súa morte, en 1937. Un breve resumo da súa vida podería lembrar as galerías fotográficas, as empresas cinematográficas e automobilísticas no 14 da rúa Carral, no 49 de Príncipe, no 21 de Sanjurjo Badía e no 30 de Elduayen. Nomeadamente, as produtoras que desenvolveu ao longo do tempo, Fotografía y cinematografía Gil, Galicia Film e Galicia Cinegráfica, as primeiras da historia do cine galego. Ademais, emprendedores vigueses apoiaron o labor do cineasta mediante encargas de filmes industriais onde se aprecia a evolución urbanística da cidade e reportaxes das súas empresas. Entre os máis de cen títulos realizados en Vigo consérvanse aínda tres: Talleres Alonarti, Cinemovil reclame e Cariño.

Vigo será un dos grandes referentes de José Gil tamén no eido familiar. Aquí faleceron as súas fillas María e Rosa, así como o propio cineasta e toda a súa familia política, soterrados nunha tumba, deseñada polo escultor Asorey, no cemiterio de Pereiró.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 11 resultados.