O ciclo da Deputación “José Gil. Pontevedra, provincia de cine, na orixe do cinema” chega esta fin de semana a Salvaterra de Miño

O venres 3 e o domingo 5 de novembro a vila acollerá unha mostra, visitas guiadas, coloquios e proxeccións de obras do pioneiro do cinema galego, dentro do programa que desenvolve a institución provincial xunto a Vía Láctea Films, Cine na Rúa e Editorial Galaxia

02/11/2023

A Deputación de Pontevedra leva esta fin de semana a Salvaterra de Miño o proxecto que desenvolve xunto a Vía Láctea Films, Cine na Rúa e Editorial Galaxia para poñer en valor a figura de José Gil (1870-1937), pioneiro do cinema galego, e que chegará neste 2023 a trinta concellos da provincia. As actividades desenvolveranse o venres 3 e o domingo 5 de novembro e inclúen proxeccións, visitas guiadas ao Cinemóbil, un coloquio e unha mostra sobre a traxectoria de Gil, que foi fotógrafo, director, operador de cámara, realizador, produtor e exhibidor de cinema nun tempo no que esta arte nacía no mundo. 

Na xornada do venres 3, o Centro Cultural acollerá proxeccións para o alumnado dos centros de ensino do concello, que tamén poderá visitar o Cinemóbil, que conta con 16 paneis explicativos sobre o cineasta, nos que se aborda a súa biografía e traxectoria. Pola tarde, das 20:00 ás 21:30 horas, no mesmo espazo, pasaranse de novo os filmes, esta vez cunha exhibición aberta ao público xeral.

O domingo 5 de novembro, a partir das 10:00 horas, na praza da Constitución, terán lugar visitas guiadas ao Cinemóbil n.º 3 e entre as 13:00 e as 14:00 horas haberá unha sesión vermú cun concerto da Banda de Música de Salvaterra de Miño. Ademais, Manolo González presentará o seu libro Nos días encantados de agosto, sobre a figura do cineasta, co que recibiu o Premio Antón Losada Diéguez de Investigación e Ensaio en 2023. En caso de choiva, as actividades trasladaranse ao Centro Cultural.

O proxecto “José Gil. Pontevedra, provincia de cine. Na orixe do cinema” comprende presentacións, exposicións, proxeccións, concertos e múltiples actividades ata o 3 de decembro nun total de 30 concellos para difundir e pór en valor a figura e a obra do considerado iniciador do cinema en Galicia. A programación comezou no seu concello de orixe, As Neves, e xa pasou por Cuntis, Cambados, A Guarda, Caldas de Reis, Mondariz, Covelo, Poio, Redondela, Baiona, Gondomar, Nigrán, Arbo, Mondariz-Balneario, Soutomaior, O Porriño, Bueu, Cangas, Pontecesures, Lalín, Sanxenxo, Pontevedra, Marín, Vigo e O Grove. Despois de Salvaterra de Miño continuará en Tui, Moaña, Vilagarcía de Arousa e Ponteareas.

José Gil e Salvaterra de Miño

Ao ser Salvaterra de Miño un concello limítrofe coas Neves, municipio de nacemento de José Gil, sábese que no seus anos mozos frecuentou festas e romarías das súas parroquias. De feito, pódense ver algunhas imaxes publicadas nos primeiros números da revista Vida Gallega, coma a reportaxe gráfica sobre as instalacións vinícolas da fillaboa en 1909. Pero o máis importante será a gravación na parroquia de Fornelos da Ribeira dun dos sete documentais que aínda se conservan do cineasta: Galicia en Buenos Aires, producido en maio de 1931 para a poboación emigrada da Sociedad Hijos de Fornelos y Anejos de Buenos Aires, co gallo da inauguración da sede do Sindicato Agrícola y Ganadero El Progreso. A película documenta varios labores do campo e remata na multitudinaria romaría popular da Ascensión na parroquia salvaterrense de Pesqueiras. 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.