Regresan os adestramentos de fútbol ao campo de Príncipe Felipe

O vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, acompañado do deputado Javier Tourís, supervisou as obras acometidas nas instalacións e anunciou que o campo pode ser empregado xa para os adestramentos de diferentes equipos da cidade

15/11/2023

A Deputación de Pontevedra recupera, tralas obras acometidas recentemente, o campo de fútbol de Príncipe Felipe para os adestramentos de diferentes equipos da cidade. Así o anunciou o vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, acompañado do deputado Javier Tourís na súa visita ás instalacións para supervisar as obras realizadas e comprobar o avance doutras que se van acometer neste recinto e que ascenden, en total, a 190.000 euros.

A institución provincial mantivo xuntanzas cos diferentes clubs de fútbol que empregan o campo de Príncipe Felipe e conversas coa Federación Galega de Fútbol nas que se acordou que puidese ser empregado desde hoxe para adestramentos e non para partidos de competición, xa que aínda quedan cuestións por resolver nas súas instalacións. Neste intre están pendentes de arranxar os vestiarios que, tras oito anos sen mantemento e despois de inundarse polas chuvias do último mes, precisan obras de urxencia que se acometerán, como así anunciou o vicepresidente, en canto sequen. Por estes motivos a Deputación habilitou xa un vestiario do Pavillón de Príncipe Felipe para que poida ser empregado polos máis pequenos que, a partir de hoxe, adestren en Príncipe Felipe.

Galerias de imagenes