A Deputación investirá preto dun millón de euros na substitución da cuberta do Centro Agarimo e do almacén de Príncipe Felipe

Na actualidade, a institución provincial ten en marcha diversas actuacións que suman un total de 3,2 millóns de euros

10/11/2023

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o proxecto para realizar as obras de substitución da cuberta do Centro Agarimo e do inmoble do almacén xeral do Centro Príncipe Felipe, nas que prevé investir preto dun millón de euros. Segundo explicou o presidente provincial, Luis López, con esta actuación preténdense resolver os problemas de filtracións de auga e humidades que sofre o edificio.

Con estes recursos, instalarase panel sándwich de aceiro prelacado nunha superficie estimada de 3.659 metros cadrados de cuberta que, na actualidade, é de placa de fibrocemento. Ademais de abordar toda a substitución do material de cubrición, o proxecto contempla os remates, as baixantes, os caleiros e a rede de pluviais horizontal.

Neste momento, a Deputación de Pontevedra ten en marcha diversas actuacións en Príncipe Felipe que suman un total de 3,2 millóns de euros. Deste xeito, ademais do millón de euros da cuberta do Centro Agarimo, a institución provincial está a realizar unha reforma integral do CEIP Daría González, na que está a investir 1,7 millóns e que conta con recursos do PIREP local. Tamén acaba de aprobar o proxecto da substitución das escaleiras de emerxencia do Centro Infanto-Xuvenil Escola Fogar, o que suporá un investimento de 374.000 euros.

Por outra banda, acaban de rematarse as obras de emerxencia para apuntalar provisionalmente o muro de contención situado no perímetro do campo de fútbol do Centro Príncipe Felipe, cun orzamento de 30.000 euros, e comezarán en breve os traballos da renovación da cuberta dos vestiarios do campo de fútbol, adxudicados por preto de 60.000 euros. Ademais, a institución está a tramitar a renovación da iluminación do campo de fútbol do complexo deportivo de Príncipe Felipe por valor de 100.000 euros.

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.