A Deputación lanza a sexta edición dos cursos de español para persoas inmigrantes que se celebrarán en Vigo e Pontevedra

A institución leva a cabo estas accións formativas, dirixidas a que as persoas non hispanofalantes poidan obter o diploma DELE A2 para facilitar a súa integración na provincia, a través dun convenio coa Universidade de Vigo

24/03/2022

Español para inmigrantes

Os cursos de español dirixidos a persoas inmigrantes que desenvolve a Deputación para facilitar a súa integración social na provincia e que xa beneficiaron a 29o estudantes chegan neste 2022 a súa sexta edición. Serán de novo tres as accións formativas que se levarán a cabo, dúas en Vigo e unha en Pontevedra, para posibilitar que 55 persoas non hispanofalantes preparen e poidan superar a proba DELE (Diploma de Español Como Lingua Estranxeira) A2, un requisito indispensable para acadar posteriormente a nacionalidade española. Estes cursos teñen unha alta demanda e un grande éxito no que se refire á acreditación da formación polos e polas participantes, que teñen un índice de persoas aprobadas dun 86% no conxunto das anteriores cinco edicións. Na do 2021 alcanzou un 95,45%.

A proba DELE A2 require unha preparación previa e ten un custo económico que dificultan o acceso á nacionalidade para un determinado sector da poboación e, polo tanto, favorecen procesos de exclusión social. A través deste programa provincial, que se desenvolve a través dun convenio coa Universidade de Vigo, encargada de impartir a formación co persoal do Centro de Linguas, a Deputación subvenciona o custo da formación e tamén o da matrícula no exame.

Os tres cursos deste 2022, que terán 40 horas de duración, comezarán en Vigo, coa acción que se desenvolverá do 18 de maio ao 3 de xuño, de 9.30 a 12.30 horas, cun total de 20 prazas. Posteriormente, do 5 ao 30 de setembro celebraranse as dúas restantes actividades formativas en Pontevedra e Vigo, con 20 e 15 prazas respectivamente, e en horario de 15 a 17.30 horas. O prazo de inscricións abrirase proximamente e será anunciado a través do Boletín Oficial da Provincia.

Nestes cursos poden participar persoas maiores de 16 anos que estean empadroadas nalgún dos concellos da provincia e se atopen en situación administrativa regular. Unha vez finalizadas as accións formativas, o alumnado presentarase ao exame do DELE A2 que levará a cabo o Instituto Cervantes en Vigo, na convocatoria de setembro para quen realice o primeiro curso de maio e en novembro no caso dos e das estudantes que o fagan nos outros dous cursos de setembro.

As clases, ao igual que nos dous últimos anos, desenvolveranse cun estrito protocolo anti Covid, que inclúe o uso obrigatorio de máscaras e a dotación de material de hixiene para garantir a seguridade. En caso de que a formación non se puidera impartir polas circunstancias sanitarias de modo presencial, valorarase a posibilidade de realizala en remoto e, en todo caso, estará supeditada á normativa vixente en cada momento. A maiores, como novidade, tamén se valorará de maneira individual a realización do curso en remoto polo alumnado que o precise cando xustifique documentalmente a imposibilidade de asistir, por motivos laborais, sempre e cando presente en forma e prazo as tarefas asignadas polo profesorado, conte con medios propios para realizalas e valoración favorable  da súa persoa docente.

A Deputación de Pontevedra puxo en marcha estes cursos de español no ano 2017 co obxectivo de facilitarlles ás persoas de países non hispanofalantes a consecución deste título e, por conseguinte, apoiar a súa integración na provincia como cidadanía de pleno dereito.  Nas cinco edicións anteriores houbo un total de 290  participantes e, como exemplo da súa enorme demanda, basta dicir que no pasado 2021 a Deputación recibiu 128 solicitudes de persoas de 21 nacionalidades para as 55 prazas existentes.  Nos exames do pasado ano, aos que se presentaron 44 persoas, houbo un 95,45% de persoas aprobadas, a  maioría procedente de Marrocos (con 11 persoas), Brasil (11) e Senegal (6), que fixeron grandes esforzos tanto a nivel académico como persoal para acadar esta meta.