O programa SmartPeme da Deputación oferta esta semana catro novas accións formativas

Os obradoiros, que se desenvolven de xeito telemático, céntranse en ciberseguridade, fotografía para a campaña de Nadal, posicionamento SEO e realidade virtual

12/11/2023

A Deputación de Pontevedra, a través do programa SmartPeme de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas, oferta esta semana catro novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros que se desenvolverán de xeito telemático. As actividades abordarán temas relacionados coa ciberseguridade, co posicionamento SEO, coa fotografía para a campaña de Nadal e coa realidade virtual.

A primeira das xornadas comeza este luns 13 de novembro, ás 10:30 horas, co obradoiro Ciberseguridade, Dispositivos Móbiles, que ten por obxectivo dar a coñecer a importancia de protexer os dispositivos móbiles, dado que estes comezan a substituír os PC na xestión cotiá dos negocios. Manuel Freire, experto universitario en robótica, programación e impresión 3D encargarase de impartir este curso.

O martes 14, de 12:00 a 13:00 horas, iníciase o obradoiro Crea as túas Fotografías para a Campaña de Nadal, onde Lara Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico, explicará como atopar o estilo propio para destacar fronte á competencia este Nadal. Así, abordaranse características relacionadas coa imaxe de Nadal, cos tipos de cámaras, coa composición, ou, entre outras, co attrezzo e co efecto bokeh.

O mércores 15 de novembro, ás 12:00 horas, comezará o obradoiro Iniciación ao SEO I: Conceptos, Palabras Clave e Primeiros Pasos, co fin de dar a coñecer os conceptos básicos que compoñen o SEO para mellorar o posicionamento nos principais buscadores para aumentar así o tráfico de persoas usuarias e clientela. Este curso impartirao Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual cunha ampla traxectoria profesional no ámbito da comunicación dixital e do márketing en liña.

Finalmente, o xoves, 16 de novembro, entre as 12:00 e as 13:00 horas, terá lugar o obradoiro Realidade Virtual, Prepara o teu Evento desde o Metaverso, que ten como finalidade utilizar a ferramenta Horizon Workrooms e dar coñecer as súas posibilidades na realización de eventos. O encargado de dirixir este curso será Manuel Freire.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.