O programa “SmartPeme” da Deputación oferta esta semana catro novas accións formativas

Os obradoiros, que se desenvolven de xeito telemático, centraranse en Google Analytics, WordPress, Capcut e intelixencia artificial

26/11/2023

A Deputación de Pontevedra,  a través do programa “SmartPeme” de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas, oferta esta semana catro novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros, que se celebrarán de xeito telemático. As actividades abordarán cuestións relacionadas con Google Analytics, con como crear unha páxina web con WordPress, coa edición de vídeo a través de Capcut e tamén coa intelixencia artificial.

O martes 28, de 12:00 a 13:00 h, terá lugar o obradoiro Google Analytics 4 para a Toma de Decisións. A través desta acción formativa afondarase en como as ferramentas de analítica permiten descubrir o proceso que seguen as persoas usuarias desde que entran nunha web ata que a abandonan, para que as empresas poidan tomar mellores decisións de negocio. O obradoiro será impartido por Esther Garcinuño, diplomada en Ciencias Empresariais e con experiencia en deseño, desenvolvemento e dirección de proxectos web.

O mércores 29 terán lugar dous obradoiros. De 12:00 a 13:00 h desenvolverase o curso Crea Unha Páxina Profesional con WordPress I, onde se abordarán as posibilidades que ofrece a plataforma para crear un sitio web e o deseño, desenvolvemento e xestión da páxina para conseguir unha plataforma profesional e optimizada. María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, especializada en márketing dixital, será a encargada de dirixir este obradoiro.  

Tamén o mércores, entre as 17:00 e as 18:00 h, terá lugar o obradoiro Capcut I: Edición de Vídeo e as Súas Posibilidades” co que as persoas participantes poderán aprender a editar vídeos facilmente en liña. A encargada de impartir este curso será Lara Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico.

Finalmente, o xoves 30, de 12:00 a 13:00 h, desenvolverase o obradoiro Intelixencia Artificial II, Clasificación e Regresión”, onde Manuel Freire, experto universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D, abordará diferentes cuestións relacionadas coa materia, coma as redes neuronais, a clasificación de imaxes, a regresión ou o Jestson Nano.

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.