A Deputación achega 110.000 euros ao Concello do Grove para a renovación do parque infantil de Terra de Porto
O deputado Javier Tourís detallou que a institución provincial aprobará este venres en Xunta de Goberno unha axuda no marco do Plan +Provincia para financiar integramente esta actuación
26/10/2026
O deputado provincial Javier Tourís visitou hoxe o Grove, onde adiantou que a Deputación de Pontevedra financiará integramente as obras de renovación do parque infantil de Terra de Porto. O organismo provincial aprobará unha achega de 110.000 euros para sufragar estas obras, enmarcada no Plan +Provincia 2026-2027. O plan de cooperación provincial destinará este ano ao Grove preto de 1,6 millóns de euros sumando as catro liñas de 2026 e a liña 1 de investimentos de 2027, á que se pode acceder anticipadamente.
O obxectivo deste proxecto é modernizar os equipamentos lúdicos existentes e mellorar as condicións de seguridade, accesibilidade, funcionalidade e conservación deste parque infantil de Terra de Porto. Os traballos previstos inclúen o desmonte dos tres equipamentos actuais, a retirada do céspede artificial deteriorado, a preparación e regularización do terreo, a execución de novas cimentacións e a instalación dos novos elementos de xogo.
A actuación contempla a subministración e instalación de tres equipamentos infantís principais, distribuídos en áreas diferenciadas. Por unha banda, un xogo combinado temático tipo barco, con capacidade para 36 usuarios maiores de 3 anos que incorpora paneis, redes de trepa, escaleiras, tobogán, tubo de bombeiros e elementos decorativos de temática náutica. Tamén haberá unha randeeira equipada con tres asentos diferenciados: unha cesta inclusiva, un asento berce para os máis pequenos e un asento plano, e un balancín de resortes tipo delfín. A intervención complétase coa renovación dos pavimentos, cimentacións para a fixación dos equipamentos, unha base drenante e os remates perimetrais necesarios.
