O Pazo Provincial “a mellor sala de concertos” para a exclusiva gala de arranque da II edición de “Descúbreas”

Cinco das mozas da I edición actuaron con alumnas e docentes das escolas de música nun recital conducido por Woyza que rematou coa emocionante interpretación de “Imagine”

22/04/2022

Gala de arranque da II edición de Descúbreas  

O salón de plenos do Pazo Provincial transformouse hoxe nunha espectacular sala de concertos e no mellor escenario para presentar a II edición de "Descúbreas", o programa da Deputación, impulsado por Regalamúsica, para amosar o talento feminino musical da provincia e as redes de mozas que xa se están a tecer entre as protagonistas. Un talento que tivo rostro, voz e son a través das potentes actuacións de Eva, Sara, Law, Sinner e Xía, cinco das oito rapazas que xa teñen iniciado a súa carreira musical tras participar na primeira edición. Elas, xunto a profesoras e alumnas de escolas de música, foron as protagonistas deste concerto exclusivo presentado por Woyza co que arranca a segunda edición que ten como obxectivos visibilizar e axudar ás mozas que queren dar os seus primeiros pasos profesionais. Como subliñou esta tarde a presidenta, Carmela Silva, "na súa primeira edición este programa foi un rotundo éxito, vós sodes a mellor das probas, e a segunda que iniciamos hoxe vai ser a da súa consolidación como referente na provincia".

Carmela Silva subliñou o feito de que o catálogo de mulleres artistas creado a través de Descúbreas xa ten posibilitado a contratación de moitas delas para actuacións e destacou que, a pesar de levar só un ano, "este programa ten conseguido todos os seus obxectivos". "Estamos moi orgullosas tanto do programa de mentorización como das iniciativas que están a desenvolverse na plataforma de Descúbreas para a visibilización de todo este talento que amosades. Este é un programa que naceu con vocación de continuidade, porque queremos realmente rachar con esa brecha que imposibilita ás mulleres ter carreiras profesionais neste eido cultural. E nesta segunda edición imos potenciar aínda máis toda a súa programación". Este ano, como dixo a presentadora Woyza, unha das premisas é "recuperar o contacto entre todas, e que ese contacto sexa real, presencial e que as rapazas o sintan así; un dos pilares de Descúbreas é conseguir tecer vínculos de colaboración entre as mozas que comezan neste mundo, as escolas e as profesionais".

Esta filosofía plasmouse esta tarde nesta gala única, para a que as cinco protagonistas prepararon as adaptación das cancións que gravaron e publicaron o pasado ano en todas as plataformas dixitais. Elas non só actuaron acompañando ás mozas mentorizadas, senón que tamén protagonizaron o estelar momento final coa emocionante interpretación conxunta do tema "Imagine", de John Lennon. Antes dese momento, Eva puxo en escena "La última canción", mentres que Sara interpretou "20 veces más"; Sinner, o tema "B.T"; Law, con "Veni, vidi, vici" e Xía a canción "Ya no". Xunto a elas actuaron Rebel Spirit, formado por Raisha Méndez Guerra (Rai) , baixista e cantante; Soraya Adán (Sory), batería e Andrea Vieira, guitarra. Tamén as docentes María Pérez, pianista da Academia Compás de Vigo, amais de cantante e líder do grupo Soa, e Paula Rego, guitarrista e batería, profesora da Escola Bonobo de Pontevedra e batería de Agoraphobia. E sete das alumnas da escola Maison do Porriño, Laura González, Melani Lemos, Sara Losada, Carla Rodríguez, Nuria Vázquez, Laura Dios e Azahara Suárez, foron as encargadas de cantar a sorpresa final, que foi coreada polo abarrotado salón de plenos. Amais, ao longo da gala visionáronse tamén varios audiovisuais, entre eles o resumo da I edición, así como outro que dá voz ás alumnas de escolas de música e un vídeo das mellores cancións feministas feitas por artistas galegas.

A segunda edición

O concerto supón o pistoletazo de saída desta edición de "Descúbreas", que naceu no 2021 co obxectivo de proporcionar ferramentas para terminar coa brecha de xénero que existe na industria. En marcha xa está o programa de titorización, que permitirá a 8 mozas ter acceso a un itinerario individualizado, así como á gravación dunha canción propia en estudio e á gravación e realización dun vídeo musical. Entre as mentoras estará este ano Salomé Limón, gañadora de cinco Latin Grammy amais de presidenta de PIAudio (Asociación Iberoamericana de Produtoras e Enxeñeiras de Audio). Únese a Raquel Seijo, de Sweet Nocturna e presidenta de Festivais de Galicia; Patricia Hermida, de Dotbeat e copresidenta do International Music Managers Forum (IMMF) e Wöyza.

Amais do proxecto de mentoring, o programa aporta outras ferramentas para a visibilización dispoñibles na súa páxina web, como o directorio de profesionais e escolas do que xa teñen xurdido algunhas oportunidades laborais para técnicas e artistas ou os videotutoriais e o foro para resolver dúbidas e axudar ás mozas a dar os seus primeiros pasos no seu proxecto musical. A plataforma ofrece tamén información e axenda de concertos con perspectiva de xénero.

Entre as novidades deste ano, atópase o fortalecemento dos vínculos con entidades que traballan na mesma liña e a colaboración en rede. Entre estas actuacións, xa o ano pasado, Descúbreas sumouse ao compromiso do proxecto europeo KeyChange, participou na Feira Internacional de Música BIME e participou recentemente no Encontro de Escolas ou Vira Fest de Portugal.

Galerias de imagenes

videos

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 11 resultados.