A Deputación promociona Rías Baixas como plató de cinema en Focus London, un encontro internacional da industria audiovisual que se celebra entre o 8 e o 9 de decembro en Londres
A institución provincial participará no encontro a través da Rías Baixas Film Commission e están xa pechadas reunións con produtores como Amazon, Netflix, Universal Studios, Lionsgate, Warner Bros, Disney e HBO
06/12/2025
A Deputación de Pontevedra avanza no seu obxectivo de espallar os múltiples atractivos turísticos da provincia. Nesta ocasión, a oferta de Rías Baixas como plató de cinema chegará a Focus London, un encontro internacional da industria audiovisual que se celebra entre o 8 e o 9 de decembro no Business Design Centre de Londres co obxectivo de conectar destinos de rodaxes con profesionais do sector como localizadores, produtores, directores creativos e empresas de post-produción.
A institución provincial participará no encontro a través da Rías Baixas Film Commission e están xa pechadas reunións produtoras de relevancia internacional como Amazon, Netflix, Universal Studios, Lionsgate, Warner Bros, Disney e HBO, ademais de localizadores e traballadores do audiovisual freelance. A todas elas ofreceráselles a guía de rodaxe e presentaranse os lugares máis atractivos da provincia como destino apropiado para grandes producións audiovisuais.
En Focus London a Deputación de Pontevedra pretende establecer contactos directos con localizadores, runners, produtores, estudios de produción, directores e outros perfís creativos e técnicos co obxectivo de atraer novos rodaxes e proxectos audiovisuais ao territorio. Tamén divulgará localizacións singulares e recursos técnicos ou institucionais dispoñibles para materializar estas producións e achegará o compromiso do organismo provincial coa industria cultural e audiovisual, así como co desenvolvemento económico a través do audiovisual. Ademais, asistirá ás sesións técnicas nas que se analizarán as tendencias actuais do sector, fortalecerán contactos e identificarán oportunidades para impulsar a provincia de Pontevedra como destino de rodaxe estratéxico e innovador.