A Deputación consolida en tres anos unha política transversal de apoio ás familias con máis de 63 millóns de euros investidos en benestar social e no Príncipe Felipe

Luis López: “queremos que as familias saiban que teñen unha Deputación ao seu lado, porque investir nas familias é investir na cohesión social e no futuro da nosa provincia”

06/07/2026

A Deputación consolida en tres anos unha política transversal de apoio ás familias con máis de 63 millóns de euros investidos en benestar social e no Príncipe Felipe

O verán é sinónimo de vacacións, pero tamén de novos retos para milleiros de familias. Remata o curso escolar, cambian as rutinas e multiplícanse as necesidades de conciliación, de actividades para a infancia e de apoio aos coidados. É precisamente nestas semanas cando se fai máis visible unha realidade que a Deputación de Pontevedra leva construíndo desde o inicio do actual mandato: unha política transversal na que as familias ocupan un lugar central.

“Non entendemos as políticas familiares como programas illas, senón como unha estratexia global que acompaña ás persoas en todas as etapas de vida”, asegurou o presidente provincial, Luis López. Un compromiso que tamén se reflicte nos recursos económicos: desde xullo de 2023, as áreas de Benestar Social e do Centro Príncipe Felipe mobilizaron 63 millóns de euros, dos que 20,4 millóns corresponden a Benestar Social e 43,6 millóns ao Centro Príncipe Felipe. Só no exercicio 2026, ambas áreas dispoñen dun orzamento de 24,3 millóns de euros, un 18% superior ao de 2025, o maior esforzo económico realizado pola institución provincial neste ámbito.

Cada verán, máis de 1.540 rapaces e rapazas desfrutan dos Campamentos da Lanzada, que comezaron hai dúas semanas, “un programa referente e Galicia e un alivio real para a conciliación estival”, confirmou López. Grazas ao impulso do actual equipo de goberno, un total de 6.160 menores da provincia tense beneficiado desta experiencia desde o verán de 2023 ata o presente período estival. Unha iniciativa que combina deporte, convivencia, educación ambiental e ocio saudable, converténdose tamén nun importante apoio para a conciliación das familias.

A este éxito do verán súmase outro no inverno: Lecer en familia. Un programa pioneiro posto en marcha hai dous anos e que é xa un dos máis demandados da Deputación. A iniciativa naceu para favorecer que as familias poidan compartir tempo de calidade en establecementos turísticos da provincia, promovendo ao mesmo tempo o benestar familiar e o coñecemento do territorio. Ante a espectacular acollida da segunda edición, que rexistrou unha avalancha de 10.000 solicitudes para optar ás preto de 3.000 prazas iniciais, o presidente Luis López anunciou un aumento de crédito de 36.000 euros. Con esta ampliación, o programa alcanza os 216.000 euros e permite incorporar preto de 500 novas prazas para garantir estancias de fin de semana en balnearios, talasos e hoteis da provincia durante os períodos non lectivos.

A conciliación continúa durante todo o ano grazas á Escola Infantil de 0 a 3 anos do Centro Príncipe Felipe. Máis alá da atención educativa, constitúe un recurso esencial para facilitar a compatibilidade entre a vida laboral e familiar, cun proxecto pedagóxico centrado no desenvolvemento integral da primeira infancia. O centro destaca por ofrecer comedor completo (almorzo, xantar, merenda e cea) elaborado nas propias cociñas do complexo, servizo médico de urxencia propio e un patio exterior axardinado de máis de 487 metros cadrados con zonas de xogo seguras.

O compromiso coa infancia reflíctese tamén nos investimentos. Este ano a Deputación puxo en marcha unha actuación de 3,5 millóns de euros para modernizar os edificios do Centro Príncipe Felipe que acollen a escola infantil, o centro de primeira acollida e outros servizos sociais. A intervención permitirá mellorar a eficiencia enerxética, a accesibilidade, os espazos educativos e as condicións de atención aos menores.

Ocio e cultura para a cativada

A conciliación tamén pode facerse desde a cultura. Esa é a filosofía coa que o Museo de Pontevedra leva anos organizando actividades gratuítas para a infancia durante todos os períodos de vacacións escolares, unha programación que no verán alcanza a súa máxima dimensión e que é un grande éxito en todas as épocas (Nadal, Entroido, Semana Santa, etc.).

En concreto, este ano entre o 1 de xullo e o 28 de agosto desenvolveranse obradoiros infantís para menores de entre 6 e 12 anos. inspirados nas coleccións do Museo que permitirán descubrir a obra de Castelao mediante técnicas de stop motion, crear figuras de origami a partir das pinturas da colección permanente, achegarse á tradición da olería popular galega ou participar nun laboratorio teatral pensado para estimular a creatividade e a expresión artística dos máis pequenos.

A programación complétase cunha decidida aposta pola inclusión. Durante este mandato o Museo puxo en marcha Empower Parents, un proxecto pioneiro en Galicia dirixido a familias con nenos e nenas con trastorno do espectro autista para avanzar cara a un museo máis accesible, inclusivo e adaptado á diversidade.

E esta dedicación da institución provincial cos máis novos complementa outras medidas familiares postas en marcha neste mandato, como a histórica visita dos Reis Magos ao Pazo Provincial con chocolatada popular instaurada desde o Nadal de 2025, algo que nunca antes se realizara na historia da Deputación.

Benestar social

A política familiar da Deputación non remata na infancia. Tamén alcanza ás persoas maiores, dependentes ou que precisan apoio para continuar vivindo nos seus fogares, especialmente no ámbito rural. Desta forma, esta cohesión social garántese reforzando os servizos comunitarios nos municipios de menos de 20.000 habitantes. No que respecta ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) básico, o actual goberno provincial mantén unha contía económica completamente estable e garantida de 1,2 millóns de euros anuais desde o inicio do mandato en 2023. Para este ano 2026, esta partida inclúese dentro dunha achega global de 2,9 millóns de euros do Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais, beneficiando a un total de 51 concellos para sufragar a prestación directa do SAF (1,2 millóns) e os custos do persoal técnico social (1,7 millóns).

De xeito complementario, o Servizo de Teleasistencia Domiciliaria deu un salto cualitativo esencial. A Deputación reforzou recentemente este programa cun novo contrato de preto de 800.000 euros para garantir a súa continuidade durante os próximos dous anos. Este programa atende cada ano a arredor de 1.000 persoas pertencentes a 45 concellos de menos de 20.000 habitantes, permitindo que poidan manter a súa autonomía con atención permanente as 24 horas do día. Ademais de ofrecer unha resposta inmediata ante emerxencias, este servizo proporciona tranquilidade ás familias e contribúe a combater situacións de soidade non desexada.

En definitiva, detrás de cada un destes programas hai unha mesma idea: facer da Deputación de Pontevedra unha institución útil para as persoas. Como resumiu o presidente provincial, “queremos que as familias saiban que teñen unha Deputación ao seu lado. Que as acompañamos cando os nenos están de vacacións, cando hai que conciliar, cando hai que coidar dos maiores e, en definitiva, nos momentos máis importantes da vida. Porque investir nas familias é investir na cohesión social e no futuro da nosa provincia”.