A Deputación leva o Ciclo Mestre Mateo este venres ata O Campo Lameiro
O Centro Sociocultural Sobrino Buhigas da vila acollerá a partir das 18:00 horas a proxección de “As liñas descontinuas”
24/11/2026
O Campo Lameiro acolle este venres 27 de novembro unha cita co mellor do audiovisual galego da man do Ciclo Mestre Mateo, unha iniciativa impulsada pola Deputación de Pontevedra e a Academia Galega do Audiovisual para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. O Centro Sociocultural Sobrino Buhigas da vila proxectará a partir das 18:00 horas a película “As liñas descontinuas”.
“As liñas descontinuas”, escrita e dirixida por Anxos Fazáns e protagonizada por Mara Sánchez e Adam Prieto, narra a historia de Bea, unha muller de 50 anos en proceso de divorcio, e a Denís, un rapaz trans de 28 anos que loita contra a precariedade laboral. Un suceso inesperado lévaos a coñecerse e este encontro transformará para sempre a súa realidade.
A programación da nova edición do Ciclo Mestre Mateo desenvólvese este ano tamén na Estrada, Mondariz e Oia. No marco deste ciclo cada concello pode acoller oito proxeccións de cintas que resultaron finalistas nos Premios Mestre Mateo deste ano, con catro títulos de ficción (“Antes de nós”, de Ángeles Huerta, “As liñas descontinuas”, de Anxos Fazáns, “San Simón”, de Miguel Ángel Delgado, e “Sirāt”, de Oliver Laxe) e outros catro documentais (“360 curvas”, de Alejandro Gándara Porteiro e Ariadna Silva Fernández, “Ao son da nova regueifa”, de Manolo Maseda e Saúl Rivas, “Deuses de pedra”, de Iván Castiñeiras Gallego, e “O silencio herdado”, de Lucía Dapena González).