A Deputación leva este venres 6 a Mondariz o documental “O silencio herdado” dentro do Ciclo Mestre Mateo

A cita terá lugar no Teleclube de Riofrío ás 20:00 horas como parte deste ciclo, no que a institución provincial colabora coa Academia Galega do Audiovisual e que chegará tamén aos concellos do Campo Lameiro, A Estrada e Oia

04/11/2026

A Deputación leva este venres 6 a Mondariz o documental “O silencio herdado” dentro do Ciclo Mestre Mateo

Mondariz acolle esta semana unha nova cita co mellor do audiovisual galego da man do Ciclo Mestre Mateo, unha iniciativa impulsada pola Deputación de Pontevedra e a Academia Galega do Audiovisual para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. Este venres 6 de novembro, ás 20:00 horas, no Teleclube de Riofrío os veciños e veciñas do concello poderán desfrutar do documental “O silencio herdado”.

En “O silencio herdado” a directora Lucía Dapena busca respostas da súa avoa Edilia, supervivente do franquismo de 92 anos, a raíz dun segredo familiar que sae á luz sobre os traumas da Guerra Civil. Ao entender que Edilia nunca lle vai dar as respostas que busca, decide mirar ese silencio, escoitalo con paciencia e determinación, tratando de comprendelo. Xuntas exploran os límites da palabra e da imaxe, facendo desde silencio o seu lugar de encontro.

A programación da nova edición do Ciclo Mestre Mateo desenvólvese este ano tamén no Campo Lameiro, A Estrada e Oia. No marco deste ciclo cada concello pode acoller oito proxeccións de cintas que resultaron finalistas nos Premios Mestre Mateo deste ano, con catro títulos de ficción (“Antes de nós”, de Ángeles Huerta, “As liñas descontinuas”, de Anxos Fazáns, “San Simón”, de Miguel Ángel Delgado, e “Sirāt”, de Oliver Laxe) e outros catro documentais (“360 curvas”, de Alejandro Gándara Porteiro e Ariadna Silva Fernández, “Ao son da nova regueifa”, de Manolo Maseda e Saúl Rivas, “Deuses de pedra”, de Iván Castiñeiras Gallego, e “O silencio herdado”, de Lucía Dapena González).

No Campo Lameiro as proxeccións terán lugar no Centro Cultural Sobrino Buhigas, na Estrada nos Cines da Estrada e en Oia no Centro Cultural de Pedornes. En Mondariz as proxeccións rotan por diferentes parroquias e espazos culturais da vila como a Casa Cultural de Frades e a de Queimadelos, o Casino de Vilasobroso, o Teleclube de Riofrío ou a Escola de Lougares.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.