Luis López anuncia a repartición de 1,55 millóns de euros para a organización de eventos deportivos e para os clubs que participan en competicións oficiais de ámbito estatal
“1,55 millóns de euros para o deporte da provincia. Feitos e recursos concretos que demostran que este é un goberno comprometido co deporte e que avanza, de xeito imparable, para converter Pontevedra na provincia do deporte”, subliñou o presidente
02/10/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López anunciou hoxe que a Xunta de Goberno da institución deu luz verde á repartición de 1,55 millóns de euros de axudas provinciais para a organización de eventos e competicións deportivas e para aqueles clubs que participan en competicións oficiais de ámbito estatal. “1,55 millóns de euros para o deporte da provincia. Feitos e recursos concretos que demostran que este é un goberno comprometido e que avanza, de xeito imparable, para reforzar Pontevedra como a provincia do deporte”, subliñou o presidente da Deputación. En concreto, son 153 os clubs deportivos que se benefician de 550.000 € para organizar eventos deportivos e 87 as entidades que participan en competicións oficiais de ámbito estatal que recibirán 1 millón de euros, 100.000 euros máis que no 2025.
Ao detalle, no que respecta ás axudas para organizar eventos deportivos, os recursos distribúense a través de dúas liñas. A primeira repartirá 300.000 euros entre 48 clubs de 18 concellos da provincia, que recibirán entre 1.000 e 21.000 euros, para organizar competicións deportivas federadas oficiais de ámbito estatal ou internacionais como campionatos ou copas de España ou do Mundo e competicións deportivas oficiais de alto nivel. Pola súa banda, a segunda destinará 250.000 euros entre 105 entidades deportivas de 34 concellos que recibirán entre 775 e 9.300 euros para organizar competicións deportivas oficiais e non oficiais, de todos os ámbitos territoriais, non incluídas na primeira liña.
No que respecta aos clubs que participan en competicións oficiais de ámbito estatal, que recibirán un millón de euros, trátanse de 87 entidades de 25 concellos da provincia que se beneficiarán de contías que oscilan entre os 575 e os 38.000 euros. Trátanse, tal e como recordou o presidente, de clubs de practicamente todas as disciplinas deportivas, desde fútbol, balonmán ou baloncesto, ata ciclismo, tenis, surf, billar, judo, squash ou tríatlon.
