A Deputación ultima o prazo de inscrición para participar no primeiro obradoiro formativo do novo programa Foco Xuventude

A Deputación ultima o prazo de inscrición para participar no primeiro obradoiro formativo do novo programa Foco Xuventude

12/01/2026

A Deputación de Deputación pecha o próximo luns 19 de xaneiro o prazo para que as persoas interesadas soliciten participar no primeiro obradoiro do novo programa Foco Xuventude, un ciclo que busca reforzar a competencia técnica e a calidade dos servizos dirixidos á mocidade nos concellos da provincia de Pontevedra. Esta actividade, enmarcada no I Plan Estratéxico de Xuventude da Deputación, busca dar apoio técnico ao persoal dos municipios dando resposta á súa solicitude de formación en temas esenciais para mellorar, por unha banda, o asesoramento que presta á xuventude e, pola outra, a orientación das súas iniciativas.

 “Construíndo benestar: estratexias en saúde mental” celebrarase os días 26 de xaneiro e 2 de febreiro, e estará impartido polo Doutor en Psicoloxía Joaquín Dosil. A través desta acción, a Deputación tratará de proporcionar coñecementos e ferramentas prácticas para a promoción da saúde mental entre a mocidade, a detección temperá de indicadores de risco e o manexo de primeiras respostas. O número máximo de participantes é de 30 persoas e entregarase un diploma acreditativo das horas de formación. A participación pode solicitarse no formulario habilitado no sitio web provincial.

O obradoiro iniciarase cunha xornada teórica en modalidade telemática o seguinte luns, 26 de xaneiro, entre as 10:00 e as 12:00 horas. Analizaranse as xeracións actuais da sociedade, as dificultades relacionais nas distintas etapas da vida, comportamentos de riscos e trastornos (TCA, ideas suicidas ou autolesións), o impacto das redes sociais no día a día (en cuestións como a autoestima, a desexabilidade, o acoso e a violencia) e a neurodiverxencia (TEA, TDAH ou AC). Pola súa banda, o luns 2 de febreiro a xornada práctica será presencial, no Salón de Actos do Edificio Administrativo da Deputación, en horario de 10:00 a 14:00 horas, e nela abordarase o contexto para o traballo con persoas de risco, a prevención de situacións de risco e a intelixencia emocional, e tamén se farán xogos de rol de entrevistas a familias e mozos con dificultades.

O ciclo Foco Xuventude está dirixido principalmente ao persoal técnico de Xuventude e OMIX, pero tamén poderían participar técnicos de Servizos Sociais, Cultura ou áreas afíns nos concellos que non conten con persoal específico. A programación está deseñada para reforzar a competencia técnica e a calidade dos servizos dirixidos á mocidade nos concellos da provincia, e continuará proximamente con accións centradas nas novas tecnoloxías e os programas europeos. A Deputación de Pontevedra promove así unha formación de calidade que impulse o coñecemento sobre a realidade xuvenil, para optimizar os recursos e actuacións dirixidas a este colectivo.