Luis López anuncia a adxudicación por 875.000 € das obras de mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP-2702 Amoedo-Os Valos, en Pazos de Borbén
“Seguimos avanzando, dando pasos importantes para facer realidade unha importante demanda histórica da veciñanza”, confirmou sobre esta actuación, que conta cun prazo de execución de nove meses
20/02/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou que a Xunta de Goberno acaba adxudicar por 875.000 euros as obras de ensanche e mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP-2702 Amoedo-Os Valos, en Pazos de Borbén. “Seguimos avanzando, dando pasos importantes para facer realidade unha importante demanda histórica da provincia. Escoitamos e actúamos”, confirmou o presidente provincial.
As obras de mellora nesta estrada centrarase no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 6+550 e 7+980, ao seu paso polos concellos de Pazos de Borbén e Redondela, e permitirá ampliar a plataforma actual —que conta cunha calzada estreita— ata configurar dous carrís de 3,30 metros con beiravías, mellorando así as condicións de circulación. Ademais, rectificaranse varias curvas nos puntos con menor visibilidade, reforzando a seguridade en zonas especialmente sensibles. O proxecto inclúe tamén a rehabilitación integral do firme, coa renovación das capas de rodadura en todo o ámbito de actuación.
Paralelamente, executarase un novo sistema de drenaxe mediante cunetas e colectores que permitirán recoller e canalizar axeitadamente as augas de escorrentía, así como a construción de muros de contención nos puntos necesarios para garantir a estabilidade da infraestrutura. Completarase a intervención coa renovación da sinalización horizontal e vertical, a instalación de novas barreiras de seguridade e elementos de balizamento, así como actuacións de limpeza e acondicionamento das marxes.
