A Deputación leva este sábado o ciclo +Escénicas a Gondomar cunha obra de teatro a cargo de Malasombra
O espectáculo “Bernarda” dirixido a un público adulto representarase no Auditorio Lois Tobío ás 19:00 horas
03/03/2026
A Deputación de Pontevedra leva este sábado 7 de marzo o circuíto +Escénicas ao concello de Gondomar da man da compañía de teatro Malasombra que representará “Bernarda” no Auditorio Lois Tobío ás 19:00 horas. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
“Bernarda” é un espectáculo pensado para un público adulto que parte da obra “La casa de Bernarda Alba”, escrita por Lorca en 1936, pero levada a unha vila de Galicia en 1975 e durante o día no que morre Franco. A peza presenta a Bernarda, unha muller que queda viúva e impón un rigoroso loito ás súas fillas xemelgas mentres a sociedade comeza a cambiar.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril do pasado ano e este mes de marzo do 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.