A Deputación leva este sábado a Pazos de Borbén e As Neves o circuíto +Escénicas con espectáculos baseados na tradición popular galega e na saúde mental
“O castiñeiro do Apalpador”, da Fantoche Baj, representarase ás 17:00 horas no Auditorio municipal de Pazos de Borbén; e “Neura”, de Ste Xeito Producións, ás 19:00 horas no Auditorio José Gil das Neves
17/12/2025
A Deputación de Pontevedra leva este sábado 20 de decembro o circuíto +Escénicas ao Concello de Pazos de Borbén da man dun espectáculo baseado na tradición popular galega, a cargo da Fantoche Baj, e ao Concello das Neves da man da obra de teatro centrada en saúde mental "Neura". Trátanse de dúas actuacións enmarcadas na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
"O castiñeiro do Apalpador", que se representará no Auditorio municipal de Pazos de Borbén ás 17:00 horas, é unha actividade de teatro infantil que conta como este personaxe típico do Nadal, preocupado de que non lle rouben as castañas, coñece unha vella aterecida de frío e de fame. Compadecido, ofrécelle teito e castañas do seu magosto, e a vella (que resulta ser unha meiga) ofrece cumprirlle tres desexos. Con estes tres desexos o Apalpador conseguirá vencer a Morte, e cando o Gobernador do mundo ve os efectos devastadores da desaparición da Morte obrígao a ceibala asegurándose de que a el non lle toque xamais. Convertido nun ser inmortal e liberado da necesidade de comer, vendo que as castañas se lle estragan todos os anos, decide repartilas aos nenos que pasan fame.
"Neura, unha comedia neurótico-festiva", que se representará no Auditorio municipal José Gil das Neves ás 19:00 horas, é unha comedia que aborda a saúde mental e cuxos protagonistas conviven con teimas propias e alleas. Algúns intentan agochalas, outros exhíbenas orgullosos, en ocasións búscanlles tratamento, pero sempre sofren por elas. Edu e Sonia viviron no pasado unha historia de amor e desamor que rematou por mor deses pequenos trastornos. Os azares da vida fan que volvan atoparse en distintas circunstancias e teñen que poñer a proba de novo a compatibilidade das súas neuras.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.