A Deputación lembra a loita das Nais Contra a Droga este luns en Vigo no faladoiro da nova edición do programa provincial Aquí faltan páxinas
A actividade terá lugar na Sede da Deputación ás 18:00 horas e nela renderase homenaxe á Asociación Érguete polos seus 40 anos loitando para transformar a sociedade
22/11/2025
A Sede da Deputación de Pontevedra en Vigo acolle este luns, 24 de novembro ás 18:00 horas un novo faladoiro da terceira edición do programa Aquí faltan páxinas, impulsado pola Deputación de Pontevedra para rescatar as historias de mulleres que non adoitan ser contadas. Nesta ocasión, as protagonistas serán as Nais Contra e Droga e os 40 anos da Asociación Érguete loitando para transformar a sociedade.
Entre as décadas de 1970 e 1980, as Rías Baixas sufriron unha vaga de narcotráfico que afectou gravemente a mocidade galega, converténdose nunha lacra social. En barrios e vilas costeiras, un grupo de nais ergueuse para denunciar publicamente o drama da drogadicción e a impunidade dos seus responsables. Así naceu o movemento Nais Contra a Droga, que lle deu paso á Asociación Érguete, creada nun pequeno local da rúa Uruguai de Vigo en outubro de 1995. Alí iniciaron unha loita que cambiaría as súas vidas, as dos seus fillos e da sociedade, facendo visible un problema que permitiu activar importantes decisións nas institucións e impulsar cambios lexislativos e policiais. A valentía destas nais converteuse nun símbolo da resistencia cidadá contra o crime organizado e nun exemplo de mobilización comunitaria que transcendeu fronteiras.
A terceira edición do programa Aquí faltan páxinas, que busca enxalzar a figura de grandes mulleres vinculadas á provincia e relevantes na historia, terá continuidade con máis faladoiros. Tralos xa desenvolvidos sobre as alfombristas e Juaniña do Porriño, e este centrado nas Nais contra a Droga, seguirán outros moitos para narrar a historia das cantareiras de Gargamala, da primeira alcaldesa de Galicia, Concepción Pérez Iglesias, ademais das mulleres do mundo do viño, da soprano de zarzuela Matilde Vázquez, da fotógrafa e xornalista Corona González, da bióloga Marisol Soengas, da arquitecta Rita Fernández Queimadelos, da cineasta Cruz Risco e das primeiras policías locais, Marina Ledo e Begoña Villar.
