A sede viguesa da Deputación énchese de historias, humor e imaxinación coa mostra ‘O bosque dos contos’

A exposición, encadrada no Hematofesti, ofrece un percorrido visual polas ilustracións orixinais das primeiras obras escritas por Miguel López ‘Hematocrítico’ e ilustradas por Alberto Vázquez

03/11/2025

Inauguración da exposición O Bosque dos Contos

A sede da Deputación de Pontevedra en Vigo inaugurou este luns a exposición ‘O bosque dos contos’, enmarcada dentro da programación do Hematofesti. A mostra, que toma o seu título da obra homónima escrita por Miguel López ‘Hematocrítico’ e ilustrada por Alberto Vázquez, ofrece un percorrido visual polas ilustracións dos tres primeiros contos publicados por estes dous autores.

A exposición, que permanecerá aberta ata o 11 de xaneiro, complétase cun punto de lectura onde o público poderá gozar da devandita obra. Nela recompílanse os relatos xurdidos da colaboración entre Hematocrítico e Alberto Vázquez: ‘Feliz Feroz’ (2014), ‘Axente Riciños’ (2016) e ‘O lobo con botas’ (2018). Do mesmo xeito, haberá unha proxección audiovisual na que o propio Miguel López narra unha das súas obras, achegando así unha experiencia didáctica e lúdica que convida á escoita activa e á participación.

“Hoxe esas historias cobran vida neste espazo, entre árbores e fadas, entre lobos que non dan medo e heroínas que escriben o seu propio destino. ‘O Bosque dos Contos’ é un lugar onde a lectura se escoita, onde as imaxes falan e onde cada visitante pode volver ser nena ou neno por un intre”, salientou a vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez, durante o acto de inauguración da exposición.

A representante provincial en Vigo agradeceu o traballo das diferentes persoas que fixeron posible a montaxe da mostra, a cal definiu como unha “homenaxe”. “Trátase dun recoñecemento ao talento dun escritor singular, educador e contador de contos que soubo falar a nenos e nenas e tamén ás persoas adultas desde o humor, a intelixencia e a empatía. O Hematocrítico axudounos a mirar os contos clásicos con outros ollos: cos ollos da igualdade, da liberdade e da alegría”, engadiu.

Inauguración da exposición O Bosque dos Contos

A sede da Deputación en Vigo tamén acollerá outros eventos arredor da ilustración e o álbum ilustrado, algúns deles coincidindo co Hematofesti. Por unha banda, Bea Lema e Javier Jaén ofrecerán unha charla sobre ilustración e deseño o mércores 5 de novembro (19.30 horas) baixo o título ‘Artistas Calidoscópicos’. Por outro lado, o sábado 8 de novembro desenvolverase a xornada ‘Queremos literatura infantil’, na que participarán multitude de autores, ilustradores, editoriais ou docentes de nivel. A iniciativa culminará co acto de entrega do Premio Lenda do Recreo a Teresa Raba. A entrada é libre ata completar aforo.

Club de lectura e obradoiros

Ademais, a Deputación de Pontevedra promoverá un club de lectura para nenos e nenas de diferentes idades, dependendo da obra que estea previsto ler. Esta actividade terá lugar todos os sábados, entre o 15 de novembro e o 20 de decembro, ás 12.00 horas. As sesións, de ata 90 minutos, están limitadas a 25 menores, coa posibilidade de que un máximo de dous pais, nais ou titores estean presentes. As inscricións abriranse ás 09.00 horas do martes 4 de novembro.

Tamén os sábados, ás 18.00 horas, diferentes ilustradores ofrecerán obradoiros para nenos e nenas de entre 5 e 10 anos. As temáticas serán variadas e irán desde colaxe ata xoguetes ópticos, pasando por kamishibai, debuxo ou autorretrato. María Lado fará unha paréntese nesa programación vespertina o 13 de decembro para impartir un taller de “escritura divertida” pensado para a rapazada de entre 8 e 12 anos.

“Con esta iniciativa, a Deputación reafirma o seu compromiso coa esa cultura que esperta a curiosidade e que educa dende o pracer de ler e de compartir”, valorou Luisa Sánchez. 

 

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.