Luis López salienta que os 130.000 euros investidos no pavillón de Bandeira, en Silleda, modernizan as instalacións e implican aos nenos na provincia do deporte

O presidente provincial asiste á inauguración da reforma dunha instalación municipal financiada ao 100 % pola Deputación ao abeiro do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que leva mobilizados 20M€ nos concellos en só tres convocatorias

21/04/2026

Luis López salienta que os 130.000 euros investidos no pavillón de Bandeira, en Silleda, modernizan as instalacións e implican aos nenos na provincia do deporte

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reafirma o compromiso do organismo provincial coa mellora das instalacións deportivas da provincia e coa colaboración cos concellos na inauguración da reforma do pavillón municipal de Bandeira, en Silleda, onde o organismo provincial investiu máis de 130.000 euros través da segunda convocatoria do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para sufragar a totalidade da obra. “Agardo que desfrutedes este pavillón”, desexou o mandatario provincial aos estudantes da vila que asistiron ao acto de inauguración desta instalación, no que tamén participou a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández.

A obra serviu para levar a cabo a renovación completa da pista deportiva, a substitución de elementos como os bancos e as redes, a reposición das luminarias por unhas novas máis eficientes, a reforma integral dos vestiarios e a mellora da accesibilidade ao recinto. Unha obra valorada en 130.500 euros e financiada ao 100 % pola Deputación ao abeiro da segunda convocatoria do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, un programa de investimentos destinado para que os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia melloren os seus equipamentos e que leva mobilizados en tres anos máis de 20M€.

O mandatario provincial aproveitou o encontro coa rapazada de Bandeira para poñer en valor a riqueza deportiva dun “concello pequeno, pero que conta con grandes deportistas e grandes clubs”. Meste sentido, López preguntou aos estudantes por nomes de grandes deportistas nacidos en Silleda e tamén polas necesidades do Concello que atenderían se eles foran presidentes da Deputación, no que algúns propuxeron melloras de instalacións deportivas ou parques infantís, eidos nos que a Deputación está a actuar tanto en Silleda como noutros concellos da provincia.

“Somos a provincia do deporte e Silleda é unha referencia”, concluíu o presidente provincial para animar a toda a comunidade educativa a seguir practicando deporte durante toda a vida, un estilo de vida saudable que inculcan tamén os mestres, aos que lles quixo agradecer o seu labor ao mesmo tempo que reafirmou o compromiso do goberno provincial para seguir mellorando as infraestruturas e os servizos de Silleda e da provincia para mellorar a calidade de vida da veciñanza, viva onde viva.

Galerias de imagenes