Luis López inicia en Fitur a promoción do destino turístico Rías Baixas, que nesta primeira xornada pon o foco na Catedral de Tui, en Combarro e no Camiño de Inverno

O presidente da Deputación e membros do seu goberno dan a coñecer a oferta turística da provincia coa súa asistencia a unha trintena de actos e con encontros con profesionais do sector no primeiro día da Feira Internacional de Turismo que se celebra en Madrid

09/01/2026

primeira xornada FITUR

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, inaugura este mércores a axenda de promoción do destino turístico Rías Baixas na Feira Internacional de Turismo, Fitur, que se está celebrando en Madrid nunha primeira xornada na que o mandatario provincial e membros do seu goberno teñen previsto participar en máis de trinta actos e encontros con profesionais do sector. Nesta primeira xornada, o presidente asistiu ás presentacións dos produtos turísticos de Tui, Poio e á do Camiño de Inverno, mentres que o acto central da Deputación en Fitur está fixado para este xoves ás 11.30 horas no stand de Galicia, coa presentación da campaña de promoción da provincia do ano 2026, “Rías Baixas: A túa meta, o teu destino”. “As Rías Baixas seguen acaparando miradas, comprobamos que o tirón do noso territorio na feira de turismo máis importante do mundo”, afirmou o dirixente, que está dando a coñecer a provincia en Fitur “como o que é: un territorio para desconectar, conectar e reconectar”.

A actividade do presidente da Deputación para a promoción das Rías Baixas en Fitur comezou este mércores no stand de Galicia da feira coa súa asistencia á presentación da campaña “Tui, catedral de historias” e, a continuación, ao acto organizado pola Asociación de Municipios do Camiño de Inverno a Santiago. Xa na quenda da tarde, o dirixente provincial pechou a súa axenda institucional coa súa asistencia á presentación de “Combarro, pobo máxico” que tivo lugar no stand de Pueblos Mágicos de España.

Con todo, a actividade de promoción das Rías Baixas por parte do presidente Luis López incluíu a súa asistencia, xunto co deputado provincial Javier Tourís, á presentación da campaña Experiencias Slow en O Salnés no restaurante Zhen de Madrid na que participou o embaixador de China en España, Yao Jin, así como integrantes do sector turístico chinés. Do mesmo xeito, tomou parte dun encontro con profesionais do sector de entidades de gran relevancia como CN Travel ou Interrías, no que tamén participaron o deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña; e a directora de Turismo, Romina Fernández.

Na expedición da Deputación a Fitur tamén participou o vicepresidente Rafa Domínguez e outros membros do goberno provincial. Pola súa banda, Domínguez estivo presente este mércores na presentación do Camiño Portugués pola Costa inclusivo. Mentres que deputados como Vázquez Almuíña, Javier Tourís e Roberto Carrero asistiron a actos como a presentación da campañas de “Galicia, puerta de entrada del gran eclipse solar del 2026”, á conferencia sobre a potencialidade da provincia como destino de rodaxes ou á presentación da campaña “Experiencias Slow en O Salnés”.

O acto central da Deputación de Pontevedra en Fitur terá lugar este xoves a partir das 11:30 horas co lanzamento da campaña  “Rías Baixas: A túa meta, o teu destino”, unha proposta que presenta á provincia como un polideportivo ao aire libre para conectar, desconectar e reconectar.

Galerias de imagenes

videos

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.