A Deputación aproba 580.000 euros para mellorar instalacións deportivas dos concellos de Baiona, Mos e Redondela

O presidente Luis López anunciou que os concellos destinarán as axudas do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas ao campo de fútbol do Aral, o campo de fútbol de San Antoíño e o pavillón de Reboreda, respectivamente

30/04/2026

Luis López na sala de Prensa

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres un novo investimento de 580.000 euros para impulsar melloras en instalacións deportivas dos concellos de Baiona, Mos e Redondela. A Xunta de Goberno aprobou novas achegas a estes tres concellos no marco do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (PEID), dotado na súa terceira edición dun total de 8 millóns de euros para os concellos de menos de 50.000 habitantes.

Baiona contará con 152.000 €, que se completarán con 89.700 euros do +Provincia 2026-2027, para que a Deputación financie ao 100% as obras de substitución de céspede artificial no campo de fútbol do Aral. O proxecto inclúe a retirada do céspede artificial existente, a limpeza da zona do campo de fútbol 11, a reparación da base existente, a instalación de céspede artificial, a pintura das novas marcaxes e a instalación do equipamento deportivo.

Na Xunta de Goberno deste xoves aprobáronse tamén 170.000 € para Mos, que lle permitirán levar a cabo a reforma do campo de fútbol de San Antoíño, unha obra que contempla a substitución do actual terreo por un novo campo de céspede artificial de última. Para iso realizaranse previamente traballos de preparación do terreo, movementos de terra, nivelación e execución dunha base adecuada. O proxecto inclúe tamén a execución dun novo sistema de drenaxe, así como a instalación dunha rede de rega automática. Complétase a actuación coa renovación do sistema de iluminación, mediante novas torres de maior altura equipadas con tecnoloxía LED e prevese a mellora do contorno do campo coa substitución da varanda perimetral, a execución dunha beirarrúa para facilitar a accesibilidade e a instalación de novos elementos de equipamento deportivo e redes recollebalóns.

Por último, Redondela recibirá 257.000 euros para as obras de modernización do pavillón municipal de Reboreda. Os traballos incluirán a actualización do pavimento da pista deportiva e protección do illamento, incluíndo o pintado das liñas reglamentarias; a actualización dos acabados e vestiarios; a división da almacén de pista en tres que ocupan a mesma superficie que o orixinal; a apertura dun novo acceso ao pavillón sen pasar polo corredor de vestiarios; a actualización da instalación eléctrica, e a mellora das condicións de accesibilidade no recinto.

Luis López sinalou que “non hai Xunta de Goberno na que non afondamos na prioridade que debe ter unha institución coma esta: a cooperación cos concellos”. O presidente da Deputación asegurou que o PEID permite que os concellos conten con “infraestruturas municipais preparadas para acoller competicións de todas as modalidades e disciplinas, e clubs que fomentan a práctica deportiva desde a canteira ata a elite”.

 

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.