A Deputación celebra o Día Internacional dos Museos no Museo de Pontevedra con música, contacontos, teatro, visitas guiadas e unha conferencia

O concerto de música antiga de Ensemble Allettamento abrirá este sábado a programación polo Día Internacional dos Museos, mentres que unha sesión de contacontos a cargo de Suricata Teatro lembrará o domingo, Día das Letras Galegas, a Begoña Caamaño

13/05/2026

A Deputación celebra o Día Internacional dos Museos no Museo de Pontevedra con música, contacontos, teatro, visitas guiadas e unha conferencia

A Deputación preparou unha ampla programación no Museo de Pontevedra para conmemorar o 18 de Maio, Día Internacional dos Museos, con música, teatro, visitas guiadas e unha conferencia a cargo dun dos maiores expertos en España en pintura do século XIX. Tamén se celebra o domingo o 17 de Maio, Día das Letras Galegas, cunha sesión de contacontos para público familiar arredor da figura de Begoña Caamaño.

O Día Internacional dos Museos (DIM) ten como lema esta ano “Museos unindo un mundo dividido”. As actividades arrancan este sábado 16, ás 19:00 h, co concerto de Ensemble Allettamento: “O triunfo do diálogo”. Mario Braña ao violín barroco e Elsa Pidre ao violonchelo barroco ofrecen un concerto de música antiga no que recuperan obras pouco coñecidas do repertorio para estes instrumentos dos séculos XVII e XVIII e amosan como mudou a relación entre os dous instrumentos.

Ensemble Allettamento xorde da ampla traxectoria conxunta desta e deste artista e do interese compartido pola música antiga. Tras formarse con importantes especialistas europeos, acadaron recoñecemento internacional nos Concursos de Música Antiga de Xixón, onde se lles premiou pola súa expresividade e capacidade comunicativa. Especialistas na interpretación historicamente informada dos séculos XVII e XVIII con instrumentos orixinais, centran o seu traballo na recuperación do repertorio para violín e violonchelo, así como na posta en valor do patrimonio musical de España e Portugal.

Outra actividade que forma parte da programación polo Día Internacional dos Museos é a posta en marcha, un ano máis, das visitas guiadas a Santa Clara, cunha primeira prevista para este domingo 17 de maio ás 12:00 h. As seguintes terán lugar nos domingos consecutivos ata o 14 de xuño. A reserva de prazas a través da web do Museo abre este xoves 14 ás 9:00 h. O programa de visitas guiadas gratuítas do Museo complétase esta fin de semana coas propostas habituais: o sábado ás 12:00 h, visita á exposición “Arte en parella. Mercedes Ruibal - Agustín Pérez Bellas”. E tanto sábado como domingo, ás 12:00 h, visita xeral á colección permanente do Museo.

Conferencia e teatro a semana que vén

No marco da celebración do DIM, o próximo xoves 21 de maio ás 19:00 h estará no Edificio Castelao Javier Barón Thaidigsmann, xefe do Departamento de Pintura do Século XIX do Museo do Prado desde 2003, un dos maiores expertos en pintura desa época en España e comisario da recente exposición que lle dedicou a Fundación Barrié ao pintor Álvarez de Sotomayor. Barón pronunciará a conferencia “A personalidade artística de Fernando Álvarez de Sotomayor (1875-1960)”, na que abordará esta figura central da arte española e galega de finais do XIX e da primeira metade do XX, da que o Museo de Pontevedra conserva e exhibe obras de gran relevancia, coma “Festa galega”.

As actividades polo DIM péchanse o venres 22 ás 19:00 h, coa representación por parte de Avelaíña Teatro da obra “As máscaras de Ibáñez: o marqués de Sargadelos que nunca foi”. Coa interpretación de Xabier Fernández, a peza revisa a vida e os sucesos que conduciron á morte de Raimundo Ibáñez, fundador da cerámica de Sargadelos, da que o Museo de Pontevedra conserva unha destacada colección.

Día das Letras Galegas

O Museo programou tamén unha actividade polo Día das Letras Galegas, que este ano homenaxea a Begoña Caamaño (1964-2014). Suricata Teatro propón, o domingo 17 de maio ás 12:30 h, unha sesión de contacontos para público infantil e familiar co título “Begoña Caamaño: a tecedora de historias”. A proposta busca dar a coñecer a vida e obra da xornalista e escritora e poñer en valor a lingua galega e o poder das historias.

Partindo da metáfora do tecido, a actriz Rebeca Solla revisa os mitos clásicos desde unha ollada contemporánea e feminista e convida a reflexionar sobre igualdade e pensamento crítico. Ademais, analiza e revisa os espazos dedicados ás personaxes femininas e os perfís construídos para elas nas historias.

Galerias de imagenes