Rafa Domínguez sinala o “rol primordial” da UVigo para a provincia de Pontevedra no seu III Congreso Internacional de Creatividade
08/10/2026
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, sinalou este xoves durante o acto de inauguración do III Congreso Internacional de Creatividade, impulsado polo Campus Crea, que a Universidade de Vigo “ten un rol primordial para a provincia e para que Pontevedra emerxa como epicentro do fervedoiro cultural que estamos a vivir no conxunto de Galicia”. O vicepresidente sinalou a oportunidade que representa este congreso para “conversar, debater, reflexionar e aprender” no ámbito creativo, e destacou algunhas das cuestións que se abordarán durante a súa celebración, como a Intelixencia Artificial xenerativa ou a estimulación da creatividade no eido educativo.
A institución provincial apoia o III Congreso Internacional de Creatividade, cuxo eixe temático son as transformacións que as tecnoloxías están a xerar nas catro áreas que abrangue o proxecto de especialización do campus: a comunicación, o deseño, a arte e a educación. O foro académico reúne durante os días 8 e 9 de outubro conferencias, mesas temáticas e presentacións de estudos.


