O pleno da Deputación aproba acordos para avanzar nas reformas do Cine Fraga, Pasarón, o Palacete das Mendoza o pavillón de Príncipe Felipe e impulsar o PAI do Val Miñor
O pleno comezou cun minuto de silencio de sinal de do o solidariedade coas vítimas do accidente ferroviario acontecido na localidade de Urda, en Toledo
30/10/2026
O pleno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar este venres distintos acordos dirixidos a avanzar na tramitación de proxectos de especial interese para o conxunto da provincia como son a rehabilitación do Cine Fraga, a renovación do céspede de Pasarón, as reformas do pavillón de Príncipe Felipe e o Palacete das Mendoza, así como o impulso aos proxectos recollidos no Plan de Actuación Integrado do Val Miñor e a creación de tres novos Polos de Emprendemento nos concellos de Vigo, Ponteareas e Cangas de Morrazo a través do investimento de 800.000 euros e en colaboración directa coa Consellería de Emprego da Xunta de Galicia. Unha sesión plenaria marcada polo loito oficial polo accidente ferroviario de Urda, en Toledo, que comezou cun minuto de silencio en sinal de do e solidariedade coas vítimas e os seus seres queridos.
O primeiro punto da orde do día, aprobado por unanimidade, serviu para dar luz verde a unha modificación de créditos de 2 millóns de euros que dotará do financiamento necesario a catro iniciativas. A primeira delas é a reforma do pavillón deportivo de Príncipe Felipe que está a promover o goberno provincial e que deste xeito recibe 1,12M€. Ademais, destínanse 844.500 euros para transferir ao Concello de Pontevedra co obxectivo de financiar a metade do custo da substitución do céspede e mellora integral da drenaxe do terreo de xogo do estadio de Pasarón, así como 60.000€ para obras no Palacete das Mendoza e 37.400€, para completar o orzamento do PAI Val Miñor.
A addenda ao convenio coa Xunta de Galicia para a rehabilitación do Cine Fraga tamén foi aprobada nesta sesión grazas ao voto favorable dos deputados do Grupo Popular, malia a abstención dos grupos do PSOE e do BNG. Segundo explicou a vicepresidenta Luisa Sánchez, esta addenda permitirá unha mellor definición das obrigas das dúas administracións nun proxecto que xa dispón dunha folla de ruta marcada. O prazo de execución redúcese de 30 a 22 meses e un aumento do orzamento dun 0,8% con respecto ao estipulado inicialmente. Desta maneira, a Deputación comprométese, segundo recolle o documento, a transferir 10 millóns de euros á Consellería de Cultura da Xunta de Galicia ao longo das tres vindeiras anualidades para asumir as súas responsabilidades e sufragar o 49 % do custo do proxecto.
Igualmente, a corporación aprobou por unanimidade as addendas precisas aos convenios asinados cos concellos de Baiona, Nigrán e Gondomar para desenvolver as actuacións recollidas no Plan de Actuación Integrada do Val Miñor unha vez que a senda Feder para o financiamento do plan con fondos europeos recibiu a aprobación definitiva. Trátase dun plan valorado en 7,27M€, dos que o 60% corre a cargo da Unión Europea, un 20 % a Deputación e o 20% restante os concellos. Con todo, a Deputación comprometeuse tamén a financiar a metade do importe correspondente ás administracións municipais.
A creación de tres Polos de Emprendemento a través dun convenio de colaboración entre a Deputación e a Consellería de Emprego da Xunta de Galicia nos concellos de Vigo, Cangas de Morrazo é Ponteareas foi outro dos acordos acadados neste pleno grazas ao apoio dos deputados do PP coa abstención dos do PSOE e do BNG. A través deste convenio, a Deputación comprométese a poñer á disposición da Consellería de Emprego, un espazo na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo para o funcionamento do Polo de Emprendemento de Vigo, financiar con 800.000 euros de máximo (400.000 euros cada ano, con posibilidade de prórroga cos mesmos importes) os servizos de atención, seguimento e xestión dos polos de emprendemento de Cangas do Morrazo, Ponteareas e Vigo; e facilitar a información e os antecedentes relativos á Rede SmartPeme que resulten necesarios para garantir unha transición ordenada desde o antigo servizo de apoio ao emprendemento de Smart Peme para a súa integración nos Polos de Emprendemento da Xunta de Galicia, que xa dispón doutros centros repartidos por distintos concellos da provincia.
Co voto favorable do Grupo Popular, malia o voto en contra do Grupo Socialista e a abstención do grupo do BNG, foi aprobada a moción presentada polo Grupo Popular para Solicitar ao Ministerio de Vivienda y Agenda Urbana un informe oficial, certificado polos técnicos do propio departamento estatal, sobre as vivendas construídas polo Goberno de España na recentemente rematada XV Lexislatura na provincia de Pontevedra e na comunidade autónoma de Galicia, no que figure a localización exacta das mesmas e o seu estado actual, así como unha referencia á publicación da licitación das obras na Plataforma de Contratación do Estado e no Boletín Oficial do Estado. Pola contra, foron rexeitadas dúas mocións do Grupo Socialista relacionadas coa vivenda e os salarios; e outra do Grupo do BNG en referencia á folga xeral.
Outros acordos acadados neste pleno ordinario do mes de outubro están relacionados coa aprobación definitiva do proxecto de mellora da seguridade viaria na EP-9206 entre Portonovo e Vichona e na rúa do Río no termo municipal de Sanxenxo, así como a aprobación inicial do proxecto de ensanche e mellora da EP-7203 entre Soutelo de Montes e Covas, no municipio de Forcarei. Tamén saíu adiante a renuncia parcial da Deputación á delegación de competencias polo Concello da Illa de Arousa correspondente á devolución das atribucións delegadas de recadación en período executivo das multas derivadas do procedemento sancionador en materia de tráfico.
